María Quiroga primeira fichaxe do C.B.Arxil da tempada
Por Redacción
O Club Baloncesto Arxil consegue os servizos da xogadora, María Quiroga, que vén de xogar no equipo de Liga feminina 2 o Pabellón de Ourense na súa primeira tempada como xogadora sénior, pero formouse no conxunto colexial do Carmelitas de Ourense.
María é unha xogadora de 19 anos, xoga na posición de aleiro e mide 1,78 cm. Xa estivo a punto de fichar na tempada pasada pero o non ingreso na facultade de Ciencias do Deporte atrasou a súa chegada a esta.
Cursar estudos en Pontevedra, é unha das razóns que motivou a xogadora a decantarse polo Club Baloncesto Arxil.
María Quiroga foi unha asidua nas seleccións galegas da súa categoría. Dende o club pontevedrés destacan dela "que non se encolle ante nada, ten un bo tiro de dous e de tres, é intensa no seu xogo e quere xogar nesta tempada nos dous equipos sénior do Club: o Arxil Mafari e no de Liga 2, xa que na pasada tempada lle faltou continuidade no ritmo de xogo".
O director deportivo do Arxil, Lino Vázquez, cre que con María Quiroga "gañamos en primeiro lugar unha xogadora para catro anos que vén a un club e a dous equipos que na pasada tempada o pasamos mal e que todos te ganas de esquecer".
María é "unha xogadora versatil e para min unha das xogadoras de máis progresión do baloncesto galego e que viñese a estudar a Pontevedra foi un regalo". O club espera que María Quiroga ocupe o sitio que deixou María Alvarez "que chegou a ser o buque insignia dunha xeración".
María Quiroga é polo tanto a cuarta xogadora do Arxil e nestes momentos hai dúas pivots Olga Federova e Fany Lopez, e dúas aleiros Cristina Diaz Pache e María Quiroga. Son momentos de moito traballo no Arxil.