Nin a heroica lle funciona ao Teucro, ao que outra mala primeira parte condénao a unha nova derrota (26-28)
Por Manu Otero
Segue sen levantar cabeza o Teucro, ao que todo lle sae mal. Os azuis lplantexaron un encontro cun ritmo moi alto a un Torrelavega que chegaba a Pontevedra nunha cómoda cuarta posición. Os visitantes estiveron máis acertados no primeiro tempo, cando conseguiron unha vantaxe que souberon administrar na segunda parte. Tras o paso por vestiarios, os de Montes melloraron e asinaron momentos brillantes que só pola falta de acerto en momentos puntuais impediron voltear o marcador. Seguen deprimidos os azuis, con catro derrotas consecutivas e afundidos na zona perigosa da táboa.
O partido empezou cun ritmo frenético no que os dous conxuntos contaban por goles os seus ataques. Os porteiros de ambas as escuadras, que en máis dun tanto non estiveron moi acertados, asistían impotentes a un intercambio de golpes continuo que situou o marcador en empate a seis cando non se alcanzaron os dez primeiros minutos de xogo. Corneil e Moyano por parte dos azuis e Colunga, polos visitantes foron os máis incisivos.
Puideron os de Luís Montes sacar proveito da imparable choiva de goles grazas á parada de Salazar a un contragolpe cántabro, pero o rexeite caeu en mans visitantes para non perdoar a segunda oportunidade. Daquela os paus e algunha que outra parada dos porteiros contiveron o frenesí anotador co que empezou o partido.
As pulsacións do duelo baixaron e o Torrelavega, moito máis desafogado na táboa que o Teucro, soubo xogar coa presión do rival. Mentres os azuis precipitáronse varias veces á hora de finalizar a xogada, os de laranxa bordeaban o pasivo en cada acción de ataque ata atopar unha greta pola que aloxar o balón no fondo da rede. Foi así como os visitantes lograron unha renda de tres tantos no ecuador da primeira metade (6-9).
Parou o partido Luís Montes para insistir aos seus en seguir xogando rápido en ataque para evitar a poderosa defensa posicional dos cántabros e, por momentos, a táctica parecía funcionar. Sobre todo cando o encargado de finalizar a acción era Corneil, moi acertado co seu potente tiro afastado. Con esta premisa, o Teucro foi reducindo as diferenzas no marcador ata volver situarse a un só tanto de distancia a falta de catro minutos para o descanso.
Foi entón cando Mozas, técnico visitante, pediu tempo morto. Os cántabros axustaron o seu defensa e simplificaron o seu ataque para, en poucos minutos, recuperar unha vantaxe de tres goles coa que se foron a vestiarios (12-15).
A segunda parte comezou como a primeira. Cun longo intercambio de goles entre ambos os equipos no que, novamente, o cadro de Torrelavega volveu saír vitorioso. Os visitantes, coa axuda dos árbitros que concederon un gol pantasma moi protestado por Salazar e a bancada, escapáronse ata os cinco tantos de distancia antes de cumprirse os dez minutos de xogo (16-21).
Coa vitoria fóra do seu alcance, o técnico teucrista pediu tempo morto para animar aos seus e voltear a situación. Reduciu distancias Samu Pereiro, pero dous novos erros defensivos dos azuis afundiron aínda máis aos azuis (17-24), que xa nin sequera eran capaces de atacar a meta rival con perigo.
Volveu parar o partido o adestrador azul. Dous goles consecutivos de Moyano e Iván Rodríguez ao contragolpe despois de bos roubos deron un halo de esperanza á afección local, pero a desvantaxe seguía sendo abismal a falta dun cuarto de hora para o final (19-24). Cinco minutos despúes e ao berro de "si se pode" desde a bancada, a renda reduciuse ata os dous goles para delirio da inchada (22-24) grazas aos tantos de Iván Rodríguez, o mellor do Teucro no segundo acto, e de Samu Pereiro.
Tivo opcións o Teucro de reducir ao mínimo as diferenzas nos últimos compases do choque, pero Corneil errou o lanzamento e Torrelavega aproveitou para castigar ao Teucro cun doloroso tanto que volvía afastar a tres tantos o soño da remontada. Seguiu tentándoo o conxunto azul, pero as decisións arbitrais, con exclusións de difícil comprensión; e a présas acabaron por condenar ao Teucro a unha nova derrota que afunde ao equipo aínda máis na clasificación e no seu estado de depresión.
Consulta nesta ligazón todas as estatísticas do partido
Relacionadas:
-
Empate de ouro para un Teucro que se quere aferrar á permanencia (27-27)
Por Almu Dapena |
-
Competición desestima o recurso do Teucro tras a súa polémica derrota en Zamora
Por Diego Espiño |
-
Un erro groseiro da mesa condena o Teucro na súa visita ao Zamora (23-22)
Por Almu Dapena |
-
O Teucro xoga media vida en Zamora e o Cisne pon a proba a súa fortaleza en Málaga
Por Redacción |
-
Partido "trascendental" para o Teucro e nova proba á ilusión do Cisne
Por Diego Espiño |
-
O Teucro séguese afundindo tras caer con claridade contra o Villa de Aranda (28-23)
Por Almu Dapena |
-
O Teucro confirma a fichaxe do brasileiro Caue Herrera
Por Redacción |
-
O Teucro non levanta cabeza e cae en casa ante o Málaga (23-27)
Por Almu Dapena & Diego Torrado |