A Gala do Ciclismo Galego celebrarase no Teatro Principal de Pontevedra
Por Redacción
A Federación Galega de Ciclismo celebrará en Pontevedra a súa festa anual, a Gala do Ciclismo Galego.
O evento terá lugar o vindeiro sábado 29 de febreiro no Teatro Principal, a partir das 19:30 horas, segundo explicaron en rolda de prensa este martes o presidente da Federación, Carlos Muñiz, a súa compañeira Begoña Carpinteiro e o concelleiro de Deportes de Pontevedra, Tino Fernández.
Na gala recoñecerase o esforzo e o éxito dos ciclistas e adestradores, ademais da achega de persoas e entidades, ao longo do pasado ano 2019.
Entre outros recoñecementos, está previsto entregar premios aos vencedores dos ránkings autonómicos, os medallistas das copa e dos open de España nas diferentes modalidades ciclistas e tamén aos medallistas do Campionato de España de Ciclocrós celebrado na pontevedresa Illa das Esculturas.
O acto estará conducido polo xornalista Terio Carreira e contará coas actuacións do monologuista Federico Pérez e do grupo musical Chroma.