Fazaña do Cisne: o equipo que máis anota e non aparece na listaxe de máximos goleadores
Por Manu Otero
O próximo xogador do Cisne que consiga anotar un tanto converterase no autor do gol número de 400 do conxunto pontevedrés. Unha cifra redonda para redondear unha tempada que vai camiño de ser histórica na que o cadro lerezano non só encabeza a clasificación por puntos, tamén lidera a clasificación de equipos máis realizadores e ostenta a mellor diferenza entre tantos conseguidos e recibidos.
O xogo ofensivo, vertical e coral dos de Jabato unido a unha primeira liña de ataque estelar para a categoría de prata do balonmán nacional potencian aínda máis esta estatística.
Resulta especialmente rechamante, e máis nesta tempada que o Cisne parece empeñado en encabezar todas as táboas, que ningún dos xogadores do plantel branco estea entre os máis realizadores da categoría. Unha rareza que só pode apoiarse noutra das fortalezas deste Cisne: a capacidade goleadora de todos os seus xogadores e a ampla rotación da que dispón o técnico vigués.
O máximo artilleiro da liga é o mozo Xabat Olaizola do Amenábar de Zarauz que asinou xa 97 tantos. Para atopar a un xogador do cadro pontevedrés nesta listaxe hai que baixar ata o posto número 13, alí está Javier Vázquez, autor este curso de 64 dianas. O especialista branco desde a liña de 7 metros promedia 4,57 tantos por partido.
Moi preto, con 60 goles facturados e unha media de 4,29 dianas por partidos, están David Chapela e Álex Chan, que completan o podio de máximos goleadores. Menos efectivos son os rexistros de Álvaro Prezado (47 tantos) e Andrés Sánchez (44 tantos) para completar a presenza do conxunto branco na listaxe dos 50 xogadores máis anotadores da División de Honra Prata.
O estilo de xogo do equipo de Jabato, no que os laterais son a principal ameaza e recurso no xogo de ataque, explica a ausencia de extremos con facilidade para ver porta como Pablo Picallo ou Javier Vázquez, que é máximo anotador por ser o encargado de lanzar os penaltis, na listaxe de máximos realizadores.
Relacionadas:
-
O Cisne salva un punto no último minuto no fortín do Alarcos (30-30)
Por Almu Dapena |
-
O Cisne non deixará que o Novás o baixe da nube
Por Manu Otero |
-
O desgaste físico non pode co Cisne que vence ao Bordils para seguir líder (32-29)
Por Almu Dapena & Diego Torrado |
-
A vida segue igual para o Cisne, que vence con claridade o Torrelavega e é máis lider (27-21)
Por Manu Otero & Cristina Saiz |
-
O líder volve á competición para defender o trono de prata
Por Manu Otero |