Festival de ximnasia rítmica en Marín
Por Redacción
O club de ximnasia rítmica In Mare organiza a próxima fin de semana en Marín o seu clásico festival de inverno. Unha xornada que terá lugar o 25 de xaneiro a partir das 17 horas no pavillón da Raña coa participación de 340 ximnastas pertencentes a clubs de toda a provincia.
O evento, presentado este mércores no Concello de Marín, terá carácter benéfico polo que os organizadores piden aos asistentes que acheguen alimentos non perecedoiros que serán entregados ao centro de Cáritas de Santomé.
É a oitava edición dun festival que aglutina música e baile. Haberá un total de 46 actuacións protagonizadas por ximnastas da Escola Salnés, Escola Danza Miriam Piñeiro, Colexio Cruceiro, Escola As Triscas, Club Xiada, Colexio Carballal, Ximnasia Ribadumia, Escola Zoa Marín, Club Rías Baixas e Colexio Amor Ruibal. Ademais tamén participarán nove agrupacións do Morrazo dependentes do club marinense.