O líder volve á competición para defender o trono de prata
Por Manu Otero
Un mes despois do seu último partido, que se pechou cun contundente triunfo do Cisne sobre o Amenábar, os líderes da División de Honor Prata retoman a competición co firme obxectivo de seguir mantendo o indiscutible dominio exhibido durante a primeira volta da competición, á que aínda lle restan tres datas para concluír. Os de Jabato reciben este mércores (20.30 horas, CGTD) ao Torrelavega para disputar o partido correspondente á sexta xornada de liga que fora aprazado pola disputa dun partido da selección xuvenil, á que adestran os técnicos de ambos contendentes.
"A ver como se nos dá porque terminamos o ano nun bo nivel de forma e de resultados", recoñece o adestrador do conxunto pontevedrés ante a incerteza que supón volver competir logo dun mes sen facelo. Durante o parón, o plantel cisneísta gozou duns días de descanso, antes de volver aos adestramentos para disputar o Memorial Manuel Luaces, que se saldou con derrota branca. "Decembro e xaneiro sempre é un mes complicado para nós porque moitos xogadores teñen que atender os seus estudos, pero esta vez o persoal fixo un esforzo", agradece o preparador vigués.
Javier Fernández está ilusionado coa boa marcha do equipo, pero non oculta a súa preocupación ante o baixón que o Cisne ten protagonizado na segunda volta doutras tempadas. "Baixar imos baixar porque levabamos un ritmo moi bo, pero non queremos pecar de irregulares como noutros anos", advirte. O propio adestrador recoñece que este ano ve aos seus xogadores moito máis centrados na competición, con ganas de manter o bo xogo do primeiro tramo de liga e levar ao Cisne o máis lonxe posible. Acabar en postos de ascenso é un soño que está cada xornada máis preto.
"Como nos creamos máis do que somos ímonos a pegar un batacazo", asegura Jabato ante calquera atisbo de relaxación. O primeiro obstáculo a superar é o Torrelavega, un equipo ao que poden afastar ata nove puntos se conseguen a vitoria. Pero non será fácil. "Teñen xogadores con moita experiencia na categoría e tamén en Asobal. Son bos en defensa e corren moito ao contragolpe durante todo o partido e iso non nos vén ben", admite.
O descanso invernal permitiu ao corpo técnico recuperar a todos os xogadores. Conde xa gozou dos seus primeiros minutos no torneo amistoso do Nadal e, salvo sorpresa de última hora, este mércores formará parte da convocatoria por primeira vez na tempada logo de superar unha lesión na súa mandíbula.
Relacionadas:
-
Fazaña do Cisne: o equipo que máis anota e non aparece na listaxe de máximos goleadores
Por Manu Otero |
-
España cita o cadete do Cisne, Rubén Sequeiros, para unha concentración xuvenil en Sierra Nevada
Por Manu Otero |
-
O Ismai de Portugal vence o Cisne no XXVI Memorial Manuel Luaces (26-35)
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Álvaro Preciado, convocado pola Selección Española Júnior para o Torneo IV Nacións
Por Redacción |
-
Cisne e Teucro, dúas maneiras opostas de afrontar o parón do Nadal
Por Diego Espiño |
-
O Cisne 'esmaga' o Zarautz e segue líder (33-22)
Por Almu Dapena & Diego Torrado |