A marinense Irene Trabazo, entre as favoritas para gañar o Campionato de España de Ciclocrós de Pontevedra
Por Redacción
O circuíto da Illa das Esculturas reunirá esta fin de semana aos mellores corredores do ciclocrós nacional. E entre os sinalados pola Federación Galega de Ciclismo a alzarse co título está a sub 23 marinense Irene Trabazo.
A ciclista nada no 1998 quererá resarcirse do problema mecánico que a privou o ano pasado de loitar polas medallas a escasos quilómetros da súa casa. O seu palmarés, bronce e prata como júnior ademais de gañar a Copa de España no 2019, así como o bo momento de forma que atravesa despois dunha exitosa xira do Nadal por Bélxica e Francia fana merecedora do cartel de favorita, co permiso da valenciana Sofía Rodríguez, a súa principal ameaza.
Pero as miradas do público non só estarán postas nos deportistas locais. Un dos principais alicientes da competición pasa por ver en acción a Felipe Orts. O de Villajoyosa é o vixente campión en categoría elite e acaba de facer historia ao ser o primeiro corredor español en entrar o o top 10 do ranking internacional.
Outra cara e nome coñecido que se dará cita en Pontevedra é o de Gorka Izaguirre. O corredor do Astana, coñecido por correr as grandes voltas, gañador dunha etapa do Xiro de Italia e noveno clasificado no mundial de ciclismo en roteiro no 2019, é un corredor habitual de probas de ciclocrós. A paixón polo barro vénlle de familia. O seu pai foi dúas veces campión de España e a pasada fin de semana competiu xunto ao seu irmán menor Ion, tamén profesional, venceu en Ormaiztegi.
Ismael Esteban, Kevin Suárez e Xabiar Murias, xunto aos ourensáns Carlos Canle e Iván Feijoo completan un elenco estelar que, sen dúbida, darán espectáculo sobre o barro da Illa dás Esculturas.
No cadro feminino, a favorita é Aída Nuño, a mellor corredora española de ciclocrós de todos os tempos aspira o seu oitavo título elite. O seu gran rival volverá ser a tamén asturiana Alicia González. Os dous duelos que levan protagonizados na Illa das Esculturas resolvéronse ao esprint, cunha vitoria para cada unha.
Aspirante ao título é tamén Lucía González, a catalá está asentada no top 20 mundial pero o Campionato de España resísteselle desde o 2013.
Relacionadas:
-
O Tour Universo Mujer fai escala en Pontevedra para celebrar o Día Internacional da Muller
Por Manu Otero |
-
Estrea "de ouro" para Galicia no Campionato de España de Ciclocrós
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Repetir as 8 medallas de 2019, obxectivo de Galicia no Nacional de Ciclocrós de Pontevedra
Por Redacción |
-
Pontevedra reforza a súa aposta polo ciclocrós e mira cara ao Mundial de 2024
Por Diego Espiño |
-
Galicia presenta as súas armas para Campionato de España de Ciclocrós na Illa das Esculturas
Por Redacción |
-
Os corredores galegos xa coñecen o novo circuíto da Illa das Esculturas para o Campionato de España de Ciclocrós
Por Manu Otero |