O Nacional de ciclocrós de Pontevedra, primeiro en ter unha carreira inclusiva
Por Redacción
Por primeira vez, un campionato de España de ciclocrós contará cunha proba para persoas con capacidades diferentes. Será o Nacional que acollerá a cidade de Pontevedra en xaneiro.
Así o vén de anunciar a Federación Galega de Ciclismo. A proba, que terá carácter non competitivo, busca dar visibilidade a estes deportistas e aspira a consolidarse na programación da gran cita anual da modalidade invernal do ciclismo.
A figura de Borja Gómez, o rapaz con síndrome de down que participou nos dous últimos campionatos de España de ciclocrós coa selección galega, inspirou esta idea.
O exemplo do corredor de Ponteareas ten achegado ao ciclismo a outras persoas con capacidades diferentes e o comité organizador do campionato de España que acollerá Pontevedra considerou que era oportuna a inclusión desta proba.
A estrea desta carreira realizarase o domingo 12 de xaneiro. A súa quenda chegará unha vez remate a proba raíña feminina, fixada para as 11:30 horas, e antes de que comece a competición elite masculina, ás 13:30 horas.
A organización deseñou un percorrido adaptado ás características destes ciclistas.
Relacionadas:
-
Pontevedra reforza a súa aposta polo ciclocrós e mira cara ao Mundial de 2024
Por Diego Espiño |
-
Galicia presenta as súas armas para Campionato de España de Ciclocrós na Illa das Esculturas
Por Redacción |
-
Os corredores galegos xa coñecen o novo circuíto da Illa das Esculturas para o Campionato de España de Ciclocrós
Por Manu Otero |
-
O Nacional Sénior de Loita, novo evento para o calendario deportivo de Pontevedra en 2020
Por Diego Espiño |
-
Irene Trabazo asegúrase en Valencia o título de campioa da Copa de España Sub-23 de Ciclocrós
Por Redacción |