Galicia golea a Ceuta e xogará contra Euskadi na Fase Intermedia da Copa Rexións UEFA (4-0)
Por Redacción
O Salvador Otero acolleu este domingo o segundo partido de Galicia correspondente á XII Copa Rexións UEFA. A Selección Galega, que viña de gañar a Castela A Mancha (2-0), enfrontábanse a Ceuta, que viña de perder por 1-3 ante os castelán manchegos no seu debut.
Ao combinado galego lle valía o empate para clasificarse, pero desde o primeiro momento quedou clara a súa superioridade. Aos tres minutos de xogo, Adri Castro batía a portería do porteiro rival e poñía o 1-0 no marcador.
Despois do primeiro gol, chegaron varias ocasións coas que puideron ampliar o marcador, pero nin Lamelas nin Abelenda acertaron para portería. Tampouco Aarón, que tirou unha falta afastada na que o porteiro ceutí tivo que estirarse para desviar a pelota coa punta dos dedos.
Con todo controlado, Galicia marcaba o seu segundo gol. Adri Castro volvía a non perdoar despois dun roubo no medio campo e realizar un rápido contra ataque. A vantaxe puido ser máis ampla antes de chegar ao descanso cunha xogada moi parecida, pero esta vez, o gardameta impediu o tanto de Uzal.
No segundo tempo chegaron os cambios e entraba Iker Hurtado, que pouco necesitou para marcar un novo gol para Galicia. Aarón centrou desde a esquerda e o xogador de Arzúa mandou o balón ao fondo da portería cun remate de cabeza.
Aínda que os galegos baixaron o ritmo despois de practicamente asegurar a clasificación, chegou un novo tanto. De novo Adri Castro, remataba o pase atrás de Lamelas e coaba o balón entre as pernas do porteiro de Ceuta e poñía o 4-0 co que se chegou ao final do encontro.
Con este resultado, Galicia está clasificada para a Fase Intermedia que se disputará o 12 de febreiro nas instalacións da Real Federación Española en Las Rozas fronte á selección de Euskadi.
Relacionadas:
-
Baltar e A Lomba, sedes da fase intermedia da Copa das Rexións da UEFA
Por Redacción |
-
VÍDEO.- Os alumnos do colexio Sagrado Corazón, seleccionadores de fútbol por un día
Por Redacción |
-
Galicia estréase ca Copa Rexións UEFA vencendo a Castela A Mancha (2-0) en Portonovo
Por Redacción |
-
A Copa das Rexións UEFA aterra en Portonovo, A Illa e Vilalonga
Por Redacción |
-
Portonovo, Vilalonga e A Illa, sedes da fase previa da Copa das Rexións da UEFA
Por Redacción |