Un Peixe Galego a altibaixos cae derrotado en Lleida (82-70)
Por Redacción
Tivo opcións o Peixe Galego de conseguir este venres en Lleida a que tería sido a súa segunda vitoria da tempada na Liga LEB Ouro, pero pagou cara a súa dificultade para manter o nivel durante os catro cuartos e terminou caendo na cancha dun rival directo (82-70).
O duelo foi unha especie de montaña rusa para os de Marín, que comezaron moi metidos no choque. Así, aínda que a iniciativa inicialmente era dos locais, os de Javi Llorente mantiñan o tipo e xusto antes do final do primeiro parcial sumaban a súa primeira vantaxe no marcador cunha canastra de Doorson (18-20), chegando ao primeiro parón con empate a 20.
O conxunto marinense fíxose coa iniciativa no segundo cuarto, chegando a mandar por 26-30, a súa máxima renda, aínda que o Lleida mantiña a igualdade sobre a pista e conseguía chegar ao intermedio cunha lixeira vantaxe ao seu favor (44-43).
A imaxe do Peixe estaba a ser positiva, pero chegou a fase de depresión no terceiro cuarto, que terminou por resultar decisiva. As luces apagáronse en ataque e o cadro catalán cun 6-0 de saída empezou a abrir distancias. A situación seguiu empeorando ata case o final do parcial cun +16 de renda para os locais (72-56).
Todo estaba xa moi costa arriba, e con todo con todo perdido o Peixe Galego tirou de garra e non se deixou levar vivindo cando menos se esperaba os seus mellores minutos. Os marinenses, entre o último minuto do terceiro cuarto e o comezo do tempo definitivo abriron un parcial de 0-12 ao seu favor que pechou unha tripla de Jacobo Díaz e que lles volvía a meter na pelexa pola vitoria (72-68 a falta de 8:17).
A remontada víase posible, pero ata aí chegaron as forzas dos de Javi Llorente, de novo máis xustos que o seu rival na rotación. O cansazo empezou a facer efecto e o Lleida retomou o control para marchar de novo no electrónico e terminar impoñéndose de maneira clara.
Co 82-70 final o Peixe Galego suma a súa undécima derrota da tempada e mantense no último posto da clasificación.
Consulta as estatísticas do Força Lleida-Marín Peixe Galego.
Relacionadas:
-
Agasallo de Nadal en forma de vitoria para o Peixe Galego (80-89)
Por Manu Otero |
-
Castelló, próxima parada do Peixe Galego
Por Redacción |
-
O Peixe Galego non pode co Almansa e suma unha nova derrota (74-79)
Por Redacción |
-
Partido vital para o Peixe Galego na visita a Marín do Almansa
Por Diego Espiño |
-
O Peixe Galego recupera efectivos para o momento clave da tempada
Por Diego Espiño |
-
A escasa rotación condena ao Peixe Galego no derbi fronte ao Club Ourense Baloncesto
Por Almu Dapena & Diego Torrado |
-
Joel Hernández e Romone Saunders viaxan a Estados Unidos e deixan o Peixe Galego en cadro
Por Redacción |