Támara Echegoyen e o Náutico de Sanxenxo chegan a un acordo de colaboración para apoiar a súa preparación olímpica
Por Redacción
"Para o Real Club Náutico de Sanxenxo é un orgullo e unha honra que Támara Echegoyen pase a formar parte do noso equipo", comezaba explicando Pedro Campos e engadía: "A colaboración consistirá en prestarlle todo o noso apoio nas distintas áreas necesarias para levar a cabo con éxito unha preparación olímpica: a área técnico-deportiva, a busca de patrocinios e a comunicación, entre outros campos. Desta forma, xunto co apoio que tamén lle brinda o Real Club Náutico de Vigo e que foi tan importante para os seus éxitos, poñeremos todos os nosos medios a disposición de Támara.
O apoio do club pontevedrés será de grande importancia para Echegoyen durante os seus próximos proxectos, e así confirmábao a regatista: "Por un lado, a capacidade organizativa do Real Club Náutico de Sanxenxo demostrada nos últimos anos traendo grandes eventos ás nosas rías dáme unha gran confianza en que será un apoio eficaz. E por outro, pertencer a un club que valora e dá importancia ao traballo e ao sacrificio dos deportistas para poder ter bos resultados é unha grande honra para min. A axuda do Real Club Náutico de Sanxenxo, sumada ao apoio que xa teño por parte do Real Club Náutico de Vigo, permitirá que poida levar a cabo máis doadamente os meus próximos proxectos".
Agora, xunto coa tamén regatista olímpica Berta Betanzos, Támara comeza unha nova etapa a bordo do 49er FX, e non cabe a menor dúbida de que a recente representante do Real Club Náutico de Sanxenxo logrará traer novos éxitos ás vitrinas do club e polo tanto para Galicia e para España.