Novas pezas para os equipos do Club Ciclista Farto
Por Redacción
O Club Ciclista Farto segue avanzando na planificación da tempada 2020.
O conxunto pontevedrés confirmou dúas novas fichaxes para a súa formación feminina, incorporacións de nivel UCI coas que queren dar un salto de calidade.
Trátase de Sandra Moral, procedente do Massi-Tactic, e de Anna Pujol, do Eneicat-Pecafer. "Serán dous referentes para as outras mozas e darannos moita visibilidade en carreira", afirma o mánager do equipo, Brais Dacal.
Con elas ascende a 10 o número de corredoras confirmadas para unha campaña no obxectivo estará nas probas da Copa de España.
Por outra banda o Farto publicou os nomes dos oito primeiros integrantes do seu equipo masculino elite-sub23, no que renovan Xián Barros, Iván Bralo, Ramón Fernández e Gustavo Santiago.
As caras novas serán as dos sub23 galegos Marcos Graña e Aarón Nóvoa, e doutros dous ciclistas que ascenden desde a categoría xuvenil: Xurxo Vázquez-Garza (Farto) e Daniel Sanín (Cambre-Caeiro).
O plantel masculino, aseguran desde o club, non está aínda pechado á espera de confirmar "de dous a catro efectivos entre renovacións e fichaxes".