Problemas de saúde apartan a Cristian Mota do Froiz, que ficha no seu lugar ao portugués Iuri Leitao
Por Redacción
O grupo deportivo Supermercados Froiz tivo que moverse rápido para cubrir unha inesperada baixa de última hora no seu plantel.
Aínda que o equipo ciclista pontevedrés dera por pechado o bloque co que competirá a próxima tempada, o galego Cristian Mota rompeu a vinculación co Froiz debido a problemas de saúde.
Ao corredor de Ponteareas, unha das apostas fortes ao proceder do pelotón profesional portugués, detectóuselle unha arritmia no corazón que lle obriga a abandonar o deporte de alto nivel.
Ante esta situación a escuadra dirixida por Evaristo Portela pechou a chegada do portugués Iuri Leitao. Trátase dun sprinter e especialista en pista, de categoría sub-23, que pasa por ser un dos ciclistas máis prometedores do país luso, do que foi campión nacional júnior.
Este mesmo ano ademais, na modalidade de pista, foi sétimo nunha Copa do Mundo en Escocia.