Máis goles que fútbol no triunfo do Pontevedra sobre o Marino de Luanco (3-0)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Non sempre unha goleada é reflexo dun bo partido. Así sucedeu entre Pontevedra e Marino de Luanco. Os granates encadean a súa cuarta vitoria consecutiva nun partido con máis goles que fútbol, pero que unicamente ao final deixou escintileos de calidade. Os de Pouso foron moi superiores, pero onde realmente brillaron foi no traballo e concentración defensiva. Adiguibe, Mejía e Álex Fernández conseguiron os goles dun triunfo que achega aos postos altos.
Pouso optou pola continuidade en canto a nomes. Cun único cambio no seu once inicial (o de Pol Bueso por Santi), o técnico vasco utilizou a tres centrais (Víctor Vázquez, Jaouad e Campillo), deixando as bandas para Santi e Álex González (este situado sempre na posición de extremo ante o repregamento asturiano), con Sana e Álex Fernández ocupando a zona central e Romay actuando de enganche para Adiguibe, mentres Álvaro Bustos partía da zona dereita do ataque, pero con plena liberdade para tentar desequilibrar no un contra un.
Enfronte un Marino de Luanco conservador, acumulando homes en defensa, con non moitos argumentos futbolísticos, suplidos con traballo e unha xenerosa entrega de todos os seus homes, que incomodaba coa súa presión a construción de xogo dun Pontevedra que tras uns minutos iniciais de aparente equilibrio, foi facéndose co control, aínda que sen chegar a brillar co seu xogo.
Mentres os visitantes buscaban nas accións a balón parado a súa oportunidade para tentar facer dano, o Pontevedra contaxiábase dun fútbol basto e pouco vistoso, que apenas lle daba para chegar illadamente e sen demasiado perigo. Iso si, cando o balón chegaba en condicións aos pés de Álex Fernández ou Romay, e xogábase a niveis de céspede, parecía que se algo ía suceder sería a favor dos granates.
Nesas andaban uns e outros cando chegaba case por sorpresa o primeiro gol. Sería tras unha falta no pico da área que lanzada por Álex Fernández deu na barreira e caeulle a Adiguibe, absolutamente libre de marcaxe. O nixeriano manobrou ben, rematando raso e cruzado á media volta para colocar o balón xunto ao poste. Bo gol, pero inferior á súa espectacular celebración.
Os asturianos pareceron acusar o golpe e a punto estiveron de encaixar o segundo dez minutos máis tarde, con dúas ocasións nun minuto. Primeiro foi Adiguibe quen se anticipou para rematar de cabeza un corner, pero o balón marchouse fóra por pouco. Logo sería quenda para Álex Fernández, nun gran centro de Álvaro Bustos, que non puido conectar con acerto cara á portería e fóiselle desviado.
Desde aí ata o descanso absolutamente nada máis. Firmeza defensiva, ningún risco á hora de sacar o balón, pero excesivos balonazos que non ían a ningunha parte.
Non mellorou a decoración na continuación. Mesmo diriamos que a calidade do xogo foi sensiblemente a menos, tanto que resulta complicado atopar unha soa xogada digna de mención. Co balón convertido nunha sucesión de "meteoritos" sobrevoando o ceo de Pasarón, os granates limitáronse a "nadar e gardar a roupa" esperando que a necesidade obrigase ao rival para abrir liñas.
Así foron transcorrendo os minutos sen unha soa ocasión de perigo en ningunha das áreas. O Pontevedra seguía firme atrás na mesma medida que o seu rival era incapaz de inquietar sequera.
Os granates mostraban mellor cara cando eran capaces de enlazar pases con sentido entre un Álex González, de novo imperial, Álvaro Bustos e Mejía, que desde a súa entrada mellorou considerablemente tanto a presión como as axudas na creación.
Se poucas opcións tiñan os de Oli, menos cando o seu central Trabanco vía a segunda amarela ao cortar unha contra en velocidade de Adiguibe. Aproveitouno o Pontevedra, que tres minutos máis tarde pechaba o partido co segundo tanto, conseguido por Mejía, tras un roubo e disparo raso e cruzado, que celebrou coa bancada, o que lle custou a tarxeta amarela.
Co Marino rendido á súa propia impotencia, víronse os mellores (poucos) minutos, dun Pontevedra que puido lograr ampliar aínda máis a conta nunha ocasión de Adiguibe no man a man co meta visitante, que disparou aos pés de Javi Porrón e logrouno na última xogada para facer xustiza ao mérito do mellor xogador do partido, Álex Fernández, que rematou de cabeza chegando desde atrás, un gran centro de Pedro Vázquez.
PONTEVEDRA CF (3): Edu; Víctor Vázquez, Jaouad, Campillo; Santi, Sana (Mejía, minuto 62), Álex Fernández, Romay (Javi Pazos, minuto 83), Álex González (Pedro Vázquez, minuto 72); Álvaro Bustos e Adiguibe.
MARINO DE LUANCO (0): Javi Porrón; Borja, Trabanco, Miguel Prado, Guaya; Lora; Boedo (David González, minuto 57), Mathe (Abrahan, minuto 57), Álex Arias, Míkel (Saha, minuto 76); e Mika.
Árbitro: Manuel Ángel Pérez Hernández (Madrid), auxiliado nas bandas por Gonzalo López de la Llave e Sergio Maroto Criado. Expulsou por dobre amoestación ao xogador visitante Trabanco (minuto 79). Amoestou a Álex Fernández e Mejía, no Pontevedra, e a Álex Arias, no Marino de Luanco.
Goles: (1-0) Minuto 20: Adiguibe. (2-0) Minuto 82: Mejía. (3-0) Minuto 90+4: Álex Fernández.
Incidencias: Estadio Municipal de Pasarón (Pontevedra). Uns 2.000 espectadores.
Relacionadas:
-
Un erro de vulto de Pol Bueso no desconto cústalle a derrota ao Pontevedra en Santa Eulalia (1-0)
Por Diego Espiño |
-
Seguinte parada na escalada do Pontevedra, Santa Eulalia del Río
Por Diego Espiño |
-
Pouso non forzará os lesionados: "Conmigo de la camilla al campo no va a jugar nunca nadie"
Por Diego Espiño |
-
Álex Fernández recupera o sorriso no Pontevedra e pide aprender "de lo que nos ha pasado"
Por Diego Espiño |
-
A estatísticas, fiel reflexo do cambio de rumbo no Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Carlos Pouso deixa claras as súas intencións: "Quiero ser más Liverpool que Barça"
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra recibirá o Ibiza na primeira rolda da Copa do Rei
Por Almu Dapena |
-
Concentración máxima no Pontevedra para buscar ante o Marino o seu cuarto triunfo consecutivo
Por Diego Espiño |
-
Pol Bueso está disposto a xogar de central, lateral ou "donde sea"
Por Diego Espiño |
-
Remontada, oficio e Álvaro Bustos, claves do triunfo do Pontevedra en Las Rozas (1-3)
Por Redacción |