Rosa Paredes parte cara ao seu novo reto, o Pico Lenin
Por Diego Espiño
A alpinista do Club Monteñiros Pontevedra e veciña de Vilaboa, Rosa Paredes, partirá o próximo día 12 camiño ao seu próximo reto, a ascensión do Pico Lenin, un cume de 7.134 metros situado entre as antigas repúblicas soviéticas de Kirghizistan e Tadjikistán.
Antes da súa marcha Rosa foi recibida polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, a quen explicou os detalles dunha expedición na que se encontran outros tres aventureiros galegos: Roberto López, Rafa Suárez e Miguel Agulló.
Trátase do segundo intento de Rosa Paredes de ascender un cumio de máis de 7.000 metros e segundo o resultado, a alpinista non descarta atacar algún 8.000: "sempre se fala e se pensa nalgún 8.000 pero pouco a pouco".
Se todo marcha segundo o previsto e a climatoloxía o permite, a expedición galega buscará o cumio do Pico Lenin a partir do día 25 de xullo, despois de pasar un período de aclimatación e establecer o seu campo base a uns 4.100 metros de altura.