Las Rozas, praza inédita para o Pontevedra
Por Diego Espiño
O próximo partido de liga do Pontevedra Club de Fútbol, ademais de supoñer o debut de Carlos Pouso no banco granate, será unha cita para a historia, xa que será a primeira vez que se enfronte a Las Rozas CF, xa sexa na súa actual denominación ou na anterior.
Nunca visitou Las Rozas o conxunto da Boa Vila, polo que o duelo do domingo (12:00 horas) no Polideportivo de Navalcarbón será inédito. Non en balde trátase da primeira campaña do cadro madrileño na Segunda División B.
Las Rozas Club de Fútbol foi fundado no ano 1966 baixo a denominación de CD Las Rozas, pasando ao seu actual nome na campaña 2009-2010 tras a fusión coa Unión Las Rozas. Ao longo da súa historia militou 19 tempadas en Terceira División, e tras a súa primeira fase de ascenso, na que deixaron na cuneta a Atlético Saguntino, SD Logroñés e Mallorca B, lograron o pasado verán un histórico salto á categoría de bronce do balompé nacional.
Agora na súa estrea da Segunda B están a ser unha das sensacións do Grupo I, mostrando unha imaxe notable que lles leva a estar colocados na décima posición con 14 puntos, un menos que o Pontevedra. Baixo a dirección técnica de Lolo Escolar, o equipo madrileño aínda non perdeu no seu estadio (2 vitorias e tres empates) e só encaixou 7 goles en 11 xornadas, que contrastan cos 20 recibidos polos granates no que vai de liga.
En Madrid os pupilos de Carlos Pouso atoparanse cun rival rochoso nun estadio que a pesar de aparentar amplitude por contar con pistas de atletismo, non se destaca precisamente polas súas dimensións (102x62 metros) contando ademais con céspede artificial, aínda que cun tapete recentemente renovado.