O Pontevedra B consegue a vitoria pola mínima ante o Valladares (1-0)
Por Redacción & Diego Torrado
Continúa a boa serie do Pontevedra B despois de gañar ao Valladares esta fin de semana no partido disputado no campo da Xunqueira.
Parecía un partido fácil para os granates, xa que se enfrontaban ao penúltimo clasificado que non conseguira ningunha vitoria nesta tempada.
O estado do terreo de xogo e a cantidade de choiva que caeu durante os 90 minutos, provocaron que o partido non se xogase con normalidade, factores que condicionaron a ambos os equipos, pero máis ao Pontevedra que necesitaba os 3 puntos para continuar na parte media da táboa.
O único gol de partido que deu a vitoria aos locais marcouno Hugo no minuto 35, pero non foi ata que o árbitro pitou o final do encontro cando o Pontevedra puido respirar con tranquilidade.
Consulta a acta do Pontevedra B-Valladares na seguinte ligazón.
O campo de San Pedro acolleu o segundo partido consecutivo do Vilalonga como local no que se enfrontaba ao Velle.
O Vilalonga viña de lograr un só punto nas dúas últimas xornadas e sabía da importancia de gañar este partido, por iso saíron en busca da vitoria ante o equipo ourensán, que aínda que se atopa na parte baixa da clasificación, conseguiran puntuar nos seus cinco desprazamentos.
A pesar do resultado (2-0), os de Ricardo Fernández pasaron apuros para levar os tres puntos. O primeiro tanto dos locais chegou despois de que o árbitro pitase a pena máxima no minuto 38. O encargado de lanzalo foi Javi Vila, que logrou bater ao porteiro visitante co seu disparo.
Co 1-0 chegouse ao descanso e o Vilalonga non conseguía mover o marcador. Cando parecía que o resultado se ía a quedar así, de novo o colexiado volveu cobrar protagonismo e expulsou con vermella directa ao xogador ourensán Lucas cando se cumprían os últimos minutos de partido. Cun xogador máis, os locais volveron marcar. Esta vez foi Héctor o que deu a tranquilidade cando se chegaba ao minuto 90.
Con este resultado, o Vilalonga segue segundo a un punto do primeiro clasificado, o Atios.
Consulta a acta do Vilalonga-Velle na seguinte ligazón.
Acabouse a boa serie do Portonovo que viña de gañar dous partidos seguidos. O seu rival, o Porriño, conseguira tan só un punto dos últimos 12 posibles e buscaba a vitoria despois do cambio de adestrador.
Non foi ata o minuto 79 cando Caramés lograría o único tanto do partido para dar a vitoria aos visitantes.
Consulta a acta do Portonovo-Porriño na seguinte ligazón.
Escápaselle o empate ao Beluso na súa visita ao líder de preferente, o Atios.
Os locais empezaron adiantándose no marcador cun tanto de Manu Vilán no minuto 19 pero, a falta de 5 minutos para o descanso, Adri Estévez metía ao Beluso no partido.
Co empate a 1 chegouse ao descanso. O partido continuou igualado ata que de novo o Atios poñíase por diante, esta vez cun gol de Alberto Pérez no minuto 56. O Beluso volvía reaccionar e volvía igualar o encontro grazas a Sergio Rua, encargado de bater a portería do porteiro local.
Cando parecía que o partido ía a concluír cun empate a 2, o Atios reaccionou cun dobrete de Jony nos minutos 89 e 90 para finalmente, terminar o partido con vitoria por 4-2.
Consulta a acta do Atios-Beluso na seguinte ligazón.
Emoción ata o final no derbi disputado no Salvador Otero entre Céltiga e Cambados que finalizou en empate con dous tantos dos visitantes no desconto.
No minuto 18 adiantouse o Céltiga cun gol de Bugallo e non foi ata os últimos 10 minutos de partido cando chegarían o resto de goles.
Fernando Lezcano daba a tranquilidade aos locais cun gol no minuto 80 que poñía a diferenza de dous goles no marcador. Con ese resultado, o Céltiga relaxouse e o Cambados aproveitou para sacar a garra.
Dous goles de Aarón Paredes nos minutos de desconto empataban o derbi (2-2).
Consulta a acta do Céltiga-Juventud Cambados na seguinte ligazón.
O Ribadumia logrou esta fin de semana a vitoria pola mínima ante o Mondariz, que viña de conseguir 10 puntos dos 12 posibles nos últimos 4 partidos.
O encargado de marcar o único gol do encontro foi Rubén Cerqueiras no minuto 33.
Coa suma destes 3 puntos o Ribadumia colócase en sexta posición con 19 puntos.
Consulta a acta do Ribadumia-Mondariz na seguinte ligazón.
Empate sen goles no partido disputado entre o Barbadás e o Sanxenxo esta fin de semana en Ourense.
O encontro foi moi plano durante os primeiros 65 minutos nos que ningún dos dous equipos conseguiu gozar de ocasións claras. A partir dese momento, os locais foron os que estiveron máis preto o levar os 3 puntos con dous balóns parados que foron entre os tres paus.
Consulta a acta do Barbadás-Xuventude Sanxenxo na seguinte ligazón.
Relacionadas:
-
Tres puntos de ouro para un Pontevedra B que se impón o Beluso a domicilio (1-2)
Por Redacción |
-
O Pontevedra B non pasa do empate sen goles contra o Gran Peña na Xunqueira
Por Redacción |
-
Empates pola mínima entre Pontevedra B e Porriño (1-1), e no derbi entre Cambados e Portonovo (1-1)
Por Redacción |
-
O Pontevedra B deixa os 3 puntos ante o Barbadás (0-3)
Por Redacción & Diego Torrado |
-
O Pontevedra B salva un punto no desconto ante o Velle (2-2)
Por Redacción |
-
Repartición de puntos no derbi entre Villalonga e Pontevedra B (1-1) e entre Cambados e Ribadumia (0-0)
Por Redacción |
-
O Pontevedra B gana ao Sanxenxo (3-1) e o Vilalonga cae no derbi ante o Portonovo (3-1)
Por Redacción & Diego Torrado |
-
O Pontevedra B gaña o Portonovo (0-2) e o Villalonga derrota o Atios para poñerse colíder (2-1)
Por Redacción |
-
Dobrete de Martín Diz e repartición de puntos no Pontevedra B - Moaña (2-2)
Por Redacción |
-
O Pontevedra B cae goleado (6-1) na súa visita ao líder da Preferente, o Atios
Por Redacción |