Pontevedra e Melilla cruzan os seus camiños 13 anos despois
Por Diego Espiño
Non é habitual que nunha Segunda División B repartida teoricamente en catro grupos baixo criterios de proximidade xeográfica se enfronten dous equipos separados en distancia por 1.277 quilómetros, pero é o que acontecerá o vindeiro domingo (12:00 horas) no Estadio Municipal de Pasarón no partido entre Pontevedra e Melilla.
Con todo non será a primeira vez que ambos os dous conxuntos ser vexan as caras, xa que tamén quedaron encadrados no mesmo grupo da división de bronce na campaña 2005/2006 como único precedente histórico.
Por aquel entón o Pontevedra era un auténtico transatlántico na categoría, despois do seu paso pola Segunda División, e aspiraba seriamente ao ascenso. De feito concluíu a liga en segunda posición, só por detrás do Universidad de Las Palmas. Con Alberto Argibay no banco sería o ano da dolorosa eliminación por penaltis no play-off ante o Sevilla Atlético. Pola súa banda o seu próximo rival en liga foi sétimo.
O primeiro dos partidos entre ambos os equipos disputouse en Melilla, con resultado favorable aos granates por 0-1 con gol de Yuri, mentres que na última xornada da competición regular, o 28 de maio de 2006, o Pontevedra volveu gañar por 1-0, esta vez en Pasarón, con tanto dun Fran Rico que afrontaba o seu terceiro partido no primeiro equipo.
Moi lonxe queda aquilo, e agora 13 anos e 14 tempadas despois o panorama é moi diferente. Non en balde o equipo da cidade autónoma partía ao comezo de campaña como un dos aspirantes ao play-off por traxectoria recente e orzamento. Na súa última campaña, no grupo IV, foi terceiro na liga regular e tras avanzar na primeira rolda da fase de ascenso foi eliminado polo Atlético Baleares. Agora, con Víctor Cea ao mando, non comezaron no grupo I como desexarían xa que marchan décimos con 13 puntos, só un máis que os granates, tras sumar 3 vitorias, 4 empates e 3 derrotas.
Nesta situación, con ambos os dous clubs lonxe dos seus obxectivos iniciais, que pasaban por pelexar na zona nobre, o duelo do domingo en Pasarón adquire se cabe maior importancia xa que o vencedor afastarase do descenso e poderá ir mirando máis cara arriba na clasificación.
Relacionadas:
-
Así, si. O Pontevedra reivindícase cun gran triunfo sobre o Melilla (3-1)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Tres importantes puntos en xogo entre Pontevedra e Melilla para pechar a era pre-Pouso
Por Diego Espiño |
-
Carlos Pouso, pechado á espera do anuncio oficial
Por Diego Espiño |
-
A interinidade de Jesús Ramos ten data de caducidade: dous partidos máis
Por Diego Espiño |
-
O histórico liderado do Granada en Primeira División iguala unha xesta do 'Hai que roelo'
Por Diego Espiño |
-
Praga de lesións musculares no Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Acordo antes do mércores co novo adestrador ou prórroga a Jesús
Por Diego Espiño |
-
Goles canteiráns para unha remontada agónica do Pontevedra ao Celta B (1-2)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |