O Teucro pechou a última tempada con déficit e incrementando a súa débeda
Por Diego Espiño
Ábrese unha nova etapa na Sociedad Deportiva Teucro. Despois de nove anos á fronte da entidade, Carlos García-Alén formalizou este mércores a súa dimisión como presidente na Asemblea Xeral Ordinaria de Socios celebrada na residencia de estudantes de Afundación.
García-Alén, tal e como adiantara unhas semanas atrás, abandona o barco por motivos persoais e familiares. Faino despois de explicar os números dunha campaña 18/19 complicada tanto no deportivo como no económico.
Así, a entidade pontevedresa pechou o pasado exercicio cun déficit de 2.624,01 euros, pero puido ser moito maior de non ser polas cláusulas de resicisión abonadas por varios xogadores para non continuar no equipo tras o descenso a pesar de ter contrato, como foron Guillermo Fischer (10.250 euros), Sergio Pérez (3.000 euros) e Domingo Luís (1.400 euros), e tamén á condonación de créditos concursais. De non ser así o déficit tería ascendido a 19.155,96 euros.
Segundo explicou a directiva ante os 18 socios presentes, aínda que se reduciron os gastos estimados (488.743,77 euros gastados polos 510.000 que se orzaron) obtivéronse menores ingresos dos previstos inicialmente. Estaban orzados 550.000 euros e entraron nas arcas do club 469.587,81 euros (-80.412,19 euros) debido ao atraso na subvención anual do Concello de Pontevedra, a rebaixa sufrida na axuda da Deputación (-10.000 euros) e a non poder cobrar diversos patrocinios privados por valor de 26.000 euros. Todo iso provocou falta de liquidez e tensións na tesourería ao longo da tempada.
Na asemblea ordinaria aprobáronse ademais as contas do curso recentemente comezado, o 19/20, cunha previsión de 500.000 euros en ingresos e de 460.000 euros de gastos que xeraría 40.000 euros de superávit. Nestes números destaca a partida destinada ao primeiro persoal (288.500 euros).
A débeda total do Teucro ao 31 de xullo de 2019 ascendía a 513.402,09 euros
Por último detallouse o estado da débeda do club ao 31 de xullo de 2019, que pasou nos últimos anos dos máis de 1,8 millóns de euros cos que se entrou en concurso de acredores aos 513.402,09 euros actuais. Isto supón un incremento de 17.861 euros nos últimos 12 meses, aínda que segundo explicaron na asemblea contrarrestouse cunha das subvencións municipais atrasadas por valor tamén de 17.000 euros e que entrou en conta no mes de agosto, só uns días despois de pechar o exercicio contable.
Desa cifra de débeda, 247.542,95 euros corresponden a débeda concursal coa obrigación de abonala nas próximas 5 tempadas, mentres que 142.213, 87 euros supón débeda con partes vinculadas (membros da xunta directiva).
APROBADO O CALENDARIO ELECTORAL
Inmediatamente despois da xunta de socios ordinaria estaba convocada unha Asemblea Xeral Extraordinaria, co obxectivo de cumprir cos estatutos do club que obrigan tras a saída dun presidente para celebrar eleccións no prazo máximo de dous meses. Neste sentido, aprobouse o regulamento e o calendario que rexerá o proceso, ademais de constituírse a xunta electoral.
Está prevista a convocatoria oficial de eleccións á presidencia do Teucro o próximo día 14 de novembro, momento no que se abre un prazo de 20 días hábiles para a presentación de candidaturas. Nese período os candidatos deberán presentar na sede do club os avais de polo menos o 10% dos socios con dereito a voto.
A data tope para cumprir este trámite será o 13 de decembro, mentres que a asemblea xeral de socios para a elección de novo dirixente será o xoves 19 de decembro. De non presentarse ningún socio, establecerase unha xunta xestora para dirixir a entidade de maneira provisional.
Relacionadas:
-
O Teucro mantén 411.000 euros de patrimonio neto negativo e prepárase para "dous anos duros"
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
Sen caras novas na xunta xestora provisional do Teucro
Por Redacción |
-
O proceso electoral á presidencia do Teucro péchase sen candidatos
Por Redacción |
-
O Teucro convoca para o 30 de outubro a asemblea de socios na que dimitirá o seu presidente, Carlos García-Alén
Por Redacción |
-
García-Alén explica a súa dimisión: "El Teucro necesita mayor dedicación de la que ahora puedo dar"
Por Diego Espiño |
-
García-Alén abre unha crise no Teucro ao anunciar aos seus compañeiros de directiva que deixa a presidencia
Por Redacción |