Competición sanciona a Luismi con dous partidos
Por Manu Otero
O adestrador do Pontevedra, Luismi Areda, non poderá sentar no banco nas dúas próximas xornadas de competición para dirixir aos seus xogadores. A xuíza única de competición fixo pública este mércores a lista de sancións, na que figuran dous partidos de castigo para o técnico granate por protestar unha decisión do árbitro, tal e como figura no documento.
O motivo polo que expulsaron a Luismi no último partido foi que, ao anotar Romay o tanto que suponia o empate no desconto contra o Castilla e que finalmente foi anulado por fóra de xogo de Javi Pazos, o preparador saíu correndo da área técnica para festexar o empate. Con todo, o colexiado interpretou que ía protestar ao asistente número 1, polo que lle mostrou a tarxeta vermella directa.
"No minuto 89 o técnico Areda Figueiredo, Luís Miguel foi expulsado polo seguinte motivo: Unha vez finalizado o partido diríxese ao árbitro asistente número 1, situado xunto ao banderín de esquina, con brazos no alto e saíndo da área técnica protestando unha das súas decisións", detallou Orellana Cid na acta do partido. Algo que negou Luismi en rolda de prensa ao asegurar que en ningún momento referiuse aos colexiados e que a súa única intención era celebrar aquel postremeiro tanto que finalmente non subiu ao marcador.
É habitual que a xuíza única de competición aplique sancións superiores a un partido a técnicos e adestradores cando son expulsados con tarxeta vermella directa por protestar as decisións arbitrais. Así sucedeu con Luismi, aínda que agora dependerá do club a decisión de recorrer ou non esta sanción.
Doutra banda, o Xetafe B chegará o domingo a Pasarón sen un dos seus principais baluartes no centro do campo. Juan Iglesias, que disputou como titular todos os partidos de liga, foi expulsado no último encontro e deberá cumprir un partido de sanción.
Relacionadas:
-
Roberto Feáns: "Hay que tomar medidas y buscar soluciones"
Por Diego Espiño |
-
Ridículo dun Pontevedra en crise ante o pechacancelas Getafe (2-3)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
O Pontevedra necesita os tres puntos para espantar vellas pantasmas
Por Manu Otero |
-
Luismi prepara a visita do Xetafe B "sen marxe de erro"
Por Manu Otero |
-
Un gol anulado no desconto permite ao Castilla derrotar o Pontevedra (2-1)
Por Ramiro Espiño |