![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/3a8/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MgJyq/Lzc52L8gt0zCwMdI_/_wNDHSSU/NKUot0SvILlKxrAQ==_/5d9b2c163a-img_9031.jpg)
© PontevedraViva
Peche de filas nun Pontevedra que chama a "hacer piña" tras o desastre ante o Atlético B
![Diego](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/5df/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/570532d2ea-20160329-patxot-diego-espino-1009.jpg)
Por Diego Espiño
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/2a4/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/5d9b2b556c-img_9048.jpg)
© PontevedraViva
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/150/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/5d9b2c5092-img_9043.jpg)
© PontevedraViva
Xornada de reflexión no Pontevedra Club de Fútbol tras o desastre sufrido este domingo en Pasarón contra o Atlético de Madrid B.
Como cada luns, Cerponzóns era o escenario do regreso ao traballo do primeiro plantel, e desde o primeiro momento intuíase que non era un día calquera. Ás entendibles caras serias tras unha derrota como a encaixada, uníronse unha serie de reunións coa intención de pechar filas e "hacer piña", tal e como recoñeceu o conselleiro responsable da planificación deportiva, Roberto Feáns, presente na sesión.
A pesar de que o pau foi importante e fixo cambalearse o proxecto deportivo desta tempada, esa é a mensaxe que tentan trasladar desde o club, de unidade, mirando xa cara ao futuro e pensando en arranxar a papeleta vencendo o vindeiro sábado nun campo complicado como é o da Cidade Deportiva de Valdebebas, onde espera o Real Madrid Castilla.
Con algo de atraso sobre o horario previsto o corpo técnico saltou ao terreo de xogo de Cerponzóns, onde xa esperaban os futbolistas, para pedirlles que entrasen de novo no interior das instalacións. Alí produciuse a primeira charla, entre adestradores e plantel, por espazo de ao redor de 20 minutos.
Tras a mesma deuse inicio á sesión, de intensidade baixa ao tratarse dunha xornada de recuperación para os titulares do domingo. Mentres os xogadores iniciaban o quecemento viviuse outra das imaxes do día, ao sentar a falar o técnico, Luismi, con Roberto Feáns nun dos bancos do campo.
O conselleiro da entidade quixo arroupar así ao adestrador, para abandonar pouco despois o terreo de xogo e terminar marchándose.
O adestramento continuou desde entón con relativa normalidade, unha sesión na que se ausentou o lesionado Campillo e na que Edu Sousa traballou a menor ritmo por precaución tras os problemas musculares que lle empuxaron a pedir o cambio ante o filial colchoneiro. Precisamente o capitán protagonizou a última reunión da xornada ao verse as caras con Luismi xa concluído o adestramento e por espazo doutros 20 minutos.
Non era un luns calquera, aínda que con estes actos o equipo quere recuperar canto antes a normalidade para demostrar que a goleada sufrida foi só un accidente.