O Teucro consegue os dous puntos ante un Torrelavega moi nervioso en ataque (28-30)
Por Almu Dapena
O Teucro desprazouse esta fin de semana a Cantabria para plantarlle cara a un dos favoritos ao ascenso a Asobal, o Torrelavega. Foron 60 minutos de incerteza e tensión por parte de ambos os conxuntos que viron como as boas intervencións do gardameta teucrista, Edu Salazar, fixeron que o resultado se decantase para o equipo visitante e con iso, a suma de dous novos puntos para seguir pelexando en liga (28-30).
O partido comezou mal para o Teucro que vía como os locais se afastaban no marcador e mantiñan unha lixeira vantaxe de 2-3 tantos durante o primeiro cuarto de hora. Foi no minuto 17 cando o conxunto de Pontevedra logrou igualar o marcador cun lanzamento de Iván Martínez (7-7), único empate en toda a primeira metade.
Tras iso, os de Luís Montes viron como, despois dun tempo morto pedido polo adestrador local, o Torrelavega volvía afastarse no resultado mantendo a mesma dinámica que no primeiro cuarto de hora de partido pero, a falta de 5 minutos para ir ao descanso, o Teucro empezou a animarse e a acertar nos lanzamentos. Desta maneira, conseguiu reducir a diferenza no resultado para irse ao descanso cunha diferenza dun gol (15-14).
A segunda parte foi totalmente diferente. Durante os primeiros 4 minutos ambos os equipos cometeron graves erros en ataque que provocaron que só se anotasen dous lanzamentos, un para cada un.
Ante este mal comezo, foi o equipo de Pontevedra o que decidiu tomar as rendas e para darlle a volta ao partido e así lograr unha diferenza de 2-5 nos primeiros 10 minutos desa segunda metade (17-19). Con esa lixeira vantaxe que mantiña ao Teucro por diante, o nerviosismo podíase notar nos xogadores locais que vían como as intervencións do gardameta visitante impedían que os lanzamentos atravesasen a liña de gol e desta maneira, os visitantes lograban o seu primeiro colchón de tres goles (18-21).
Con todo, esa alegría non durou moito tempo aos de Luís Montes, xa que, despois de tres ataques fallados, o Torrelavega recortou diferenzas e de novo, empatou o encontro no ecuador da segunda parte (22-22).
Finalmente, o partido decidiuse nos últimos 10 minutos con claro protagonismo do porteiro teucrista, Edu Salazar. Cun novo empate, esta vez a 25, as intervencións do gardameta foron determinantes para que o Teucro conseguise estar por diante no electrónico nos últimos compases de encontro e desta maneira, levar os dous puntos Pontevedra (28-30).
Consulta a acta do partido Torrelavega-Teucro na web da RFEBM
Relacionadas:
-
O Teucro suma unha nova vitoria a costa do Sarriá, equipo revelación esta tempada (28-23)
Por Almu Dapena & Diego Torrado |
-
O Teucro vence o Zamora para manterse nos postos altos da clasificación (29-27)
Por Almu Dapena & Diego Torrado |
-
O Cisne, a seguir soñando; o Teucro, a confirmar o seu rexurdir
Por Manu Otero |
-
O Torrelavega espera a un Teucro que necesita lavar a súa imaxe
Por Manu Otero |
-
García-Alén explica a súa dimisión: "El Teucro necesita mayor dedicación de la que ahora puedo dar"
Por Diego Espiño |
-
Triunfo histórico do Cisne ante o Teucro na Copa do Rei (29-24)
Por Almu Dapena & Diego Torrado |