'Déjà vu' do Pontevedra en Oviedo para gañar con nove ao Vetusta (0-1)
Por Redacción
Coma se dun "déjà vu" se tratara, o Pontevedra volveu a gañar en Oviedo a pesar de sufrir dous expulsados. Foi un 23 de maio de 2010 cando nun memorable partido de play-off os granates vencían no Carlos Tartiere ao primeiro equipo do Real Oviedo grazas a dous inesquecibles goles de Ígor de Souza, tras quedar con nove xogadores por expulsións de Santi Amaro e Orlando Gutiérrez.
Nesta ocasión foi ante o filial carbayón, no Requexón, en partido de liga, cando un gol de penalti transformado por Álvaro Bustos deu un sufrido e moi meritorio triunfo aos de Luismi, que xogaron con dez durante unha hora, ao ser expulsado Nacho López, e con nove o últimos dez minutos, ao mostrar o colexiado a segunda amarela a Berrocal.
Foi un resultado que fixo xustiza a unha gran segunda parte do Pontevedra, na que soubo sufrir e na que apareceu Edu, pero na que os granates foron valentes, apostaron por seguir buscando a portería a pesar da súa inferioridade, e logo fixeron un exercicio de supervivencia, cunha gran concentración e intensidade defensiva para manter a súa vantaxe.
Comezou mellor o Pontevedra, con presenza e atrevemento, buscando a área asturiana, pero o seu dominio diluíuse en apenas 15 minutos para dar paso a un amplo espazo de tempo no que ninguén conseguía facerse co control nin crear perigo.
O elevado ritmo de xogo que uns e outros pretendían poñer en práctica, xunto coa presión alta sobre a saída de balón, traducíase en excesivas imprecisións e un ida e volta que se perdía de forma sistemática antes de chegar ás áreas, nas que os atacantes pouco podían facer ao non chegarlles balóns en condicións.
Nese inicio puido haber unha acción crave que o árbitro pasou por alto, cunha entrada de Riki que puido custarlle a expulsión pero que o colexiado deixou en simple falta, xusto antes de que Javi Pazos rematase alto o único balón con relativo perigo ata ese momento, tras un centro de Álvaro Bustos.
Co partido sen dono, superada a media hora veu unha acción tan imprudente como incomprensible cometida por Nacho López. O lateral asturiano do conxunto granate realizou unha entrada temeraria a Vanderson nunha zona sen perigo algún, máis aló da liña central, que neste caso si, e con absoluta xustiza, o colexiado sancionou con tarxeta vermella directa, deixando ao Pontevedra en inferioridade para a hora de xogo que faltaba.
A pesar diso, os granates non se botaron atrás e mantiveron o tipo, recolocando Luismi a Mejía, que debutaba como titular, como improvisado lateral dereito.
Aos poucos o Oviedo Vetusta tentaba facer valer esa superioridade numérica, aínda que Edu non pasou apuros e só tivo que intervir, ben colocado, no tempo engadido antes do descanso, para deter un remate de cabeza de Steven. Escasa bagaxe ofensiva duns e outros nunha primeira metade con máis ruído que noces.
A segunda parte foi outra historia. O Oviedo Vetusta avisou pronto das súas intencións e meteu o medo no corpo cando un remate de cabeza de Vanderson acabou no fondo da portería granate, pero o colexiado anulou o tanto por falta do atacante sobre Edu.
Pero os granates pronto se sacudiron ese medo e empezaron a xogar con criterio, a querer a pelota e a combinar triangulando con acerto, o que lles permitía non sufrir en exceso. Así chegaba a súa mellor xogada, que tamén terminaba co balón no fondo da rede, pero igualmente anulado por estimar o asistente que Pedro Vázquez,que deu o centro, arrincara en fóra de xogo.
Os asturianos comezaron a facer valer a súa superioridade numérica, pero o Pontevedra defendíase ben, aínda que tivo que aparecer como tantas veces Edu para salvar aos seus cun paradón a remate de cabeza de Javi Cueto, e con fortuna, cando o disparo porterior de Riki deu no corpo do mesmo Javi Cueto.
Aínda habería outra máis para os locais, cun remate de cabeza de Riki, libre de marca, que rexeitou ben colocado Edu.
E cando o empate parecía un bo botín para o Pontevedra, tendo en conta as circunstancias, os granates demostraron querer máis. Luismi meteu no campo a Adiguibe por Pedro Vázquez e a mensaxe chegou aos seus que se foron arriba e atoparon premio cando Riki derrubaba claramente a Romay dentro da área. Penalti que lanzou con seguridade Álvaro Bústos, enganando a Jaume Valens.
Por diante quedaban doce minutos máis o desconto. Foron agónicos porque no minuto 83 o árbitro sacou unha rigurosísima segunda amarela a Berrocal, deixando ao Pontevedra con nove homes sobre o campo. Tocaba sufrir máis e os granates souberon facelo. Pecharon filas, multiplicaron axudas defensivas e o Oviedo Vetusta estrelouse impotente contra o muro galego.
REAL OVIEDO VETUSTA (0): Jaume Valens; Ugarte, Alarcón, Javi Mier, Steven, Riki, Pierre, Rober Sierra, Viti (Javi Cueto, minuto 68), Villacañas (David Amez, minuto 60) e Vanderson (Rodríguez, minuto 75).
PONTEVEDRA CF (1): Edu; Nacho López, Víctor Vázquez, Pol Bueso, Álex González; Mejía, Berrocal; Álvaro Bustos (Javi López, minuto 97), Romay, Pedro Vázquez (Adighibe, minuto 75); e Javi Pazos (Sana, minuto 86).
Árbitro: Saiz Pérez (Cantabria), auxiliado nas bandas por Jiménez Alario e García Rubio. Expulsou con vermella directa ao xogador visitante Nacho López (minuto 34), por unha entrada moi perigosa e innecesaria sobre Vanderson. Tamén expulsou por dobre amoestación ao xogador do Pontevedra, Berrocal (minuto 83). Amoestou a Riki, Vanderson, Alarcón, Javi Mier, Ugarte e Javi Cueto, no Oviedo Vetusta, e a Mejía e Álvaro Bustos, no Pontevedra.
Goles: (0-1) Minuto 78: Álvaro Bustos, de penalti.
Incidencias: Instalacións do Requexón, campo número 1 (Oviedo). Uns 500 espectadores.
Relacionadas:
-
Peche de filas nun Pontevedra que chama a "hacer piña" tras o desastre ante o Atlético B
Por Diego Espiño |
-
Desastre dun irrecoñecible e débil Pontevedra fronte ao Atlético Madrid B (1-5)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Luismi apela á experiencia para derrotar ao Atlético B
Por Manu Otero |
-
Os laterais, unha dor de cabeza para Luismi
Por Diego Espiño |
-
Defensa de tres centrais, unha opción para que o Pontevedra acabe coa mala racha en Oviedo
Por Manu Otero |
-
Luismi pide tranquilidade e fuxir do nerviosismo para acabar coa mala serie
Por Manu Otero |
-
A falta de puntería e unha nefasta arbitraxe condenan ao Pontevedra fronte ao Atlético Baleares (0-1)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |