O atletismo dá a Pontevedra as súas primeiras medallas nos Xogos do Eixo Atlántico
Por Alejandro Espiño
Houbo que esperar á cuarta xornada pero, por fin, Pontevedra púidose colgar as primeiras medallas nos X Xogos do Eixo Atlántico. E fíxoo grazas aos seus representantes en atletismo. Mentres os deportes colectivos xogaban as últimas eliminatorias, comezaban as disciplinas individuais e nelas a expedición pontevedresa brillou de forma notable. Logrou tres ouros, catro pratas e un bronce.
Desde as 10 da mañá, o Estadio Municipal de Guimaraes acollía a celebración das probas de atletismo en pista e adaptado. Nelas, Pontevedra presentaba atletas en todas e cada unha das probas do programa, logrando uns resultados máis que satisfactorios. Traeranse para a cidade esas oito medallas individuais e dous trofeos colectivos, ao quedar primeiros en atletismo en pista masculino e segundos en atletismo adaptado masculino.
As tres medallas de ouro foron para o atletismo en pista, concretamente para Ángel Vargas (100 metros lisos), Jorge Puig (1.000 metros) e o relevo 4x100 con Ángel Vargas, Jorge Puig, Javier Rodriguez e Sebastian Abilleira. O resto de medallas, para o atletismo adaptado, foron para David Carabelos (prata en lonxitude e 100 metros lisos), Maite Cabanelas (prata en peso), Álvaro Otero (prata en 1.000 metros) e Martín Galego (bronce en peso).
Co atletismo chegaron as primeiras medallas, pero os bos resultados continuou pola tarde co inicio das probas de natación. Aínda que se esperaba que caera algún metal, os pontevedreses tivéronse que que conformar cun cuarto e un quinto posto.
A expedición de Pontevedra tamén estaba pendente do resultado dos equipos femininos de voleibol e baloncesto. Ambos disputaban as semifinais este mércores. Pero nos dous casos caeron eliminadas. As de voleibol tras perder contra o Matosinhos por 0-2 (8-25 e 15-25) e as rapazas de baloncesto, nun disputadísimo encontro, por 28-24 frente ao equipo da Coruña. Pelexarán polo bronce este xoves contra Gaia e Barcelos, respectivamente.
No resto de encontros con participación pontevedresa, o equipo de Fútbol 7 caeu ante o Familacao, ao perder 0-1 na prórroga e xogará este xoves contra o Peso da Regua polo undécimo posto. Pola súa banda, os mozos do baloncesto venceron ao Vila Real por 49-33 e os do balonmano ao Peso da Regua por 30-16. Ambos equipos finalizaron nunha meritoria quinta posición.
Relacionadas:
-
Pontevedra pecha a súa participación nos Xogos do Eixo Atlántico co bronce do baloncesto feminino
Por Alejandro Espiño |
-
As rapazas de voleibol e baloncesto loitarán polas medallas nos Xogos do Eixo Atlántico
Por Alejandro Espiño |
-
Sorte dispar para Pontevedra no comezo dos Xogos do Eixo Atlántico en Guimaraes (Portugal)
Por Alejandro Espiño |