A Liga San Miguel de Traíñas arriba en Sanxenxo con Tirán, a única embarcación galega, en plena forma
Por Alejandro Espiño
A caravana da Liga San Miguel de traíñas arriba en Sanxenxo. As súas augas acollerán este sábado 6 de xullo a I Bandeira Nauta Sanxenxo, cuarta regata puntuable da tempada. Participarán as doce embarcacións que compiten na máxima categoría do remo español. Será desde as 18.00 horas. A proba foi presentada este mércores, entre outros, pola alcaldesa de Sanxenxo, Catalina González, e o xerente da ACT, Iñaki Mikeo.
Sanxenxo será a sede, por primeira vez, desta competición sen parangón na cornisa atlántico-cantábrica. "La Liga San Miguel ofrece espectáculo allá donde vaya, pero no cabe duda que la primera presencia siempre es especial", explicou Iñaki Mikeo. A proba, que repartirá en total 22.500 euros en premios, celebrarase entre Punta Vicaño e o Porto Deportivo Juan Carlos I, e nela colabora o club de remo Amegrove.
A cita do sábado ten ademais un compoñente especial: a embarcación galega de Tirán-Pereira chega á súa terra en plan triunfal, tras lograr a VI Bandeira Ambilamp na ría de Portugalete o pasado domingo. Grazas a esa vitoria, os de Moaña (23 puntos na xeral) remarán na tanda de honor xunto aos tres mellores botes deste principio de tempada: Kaiku-Ambilamp (33 puntos), Orio Babyauto (32 puntos) e Urdaibai Umpro Avia (31 puntos).
En total, participarán uns 240 remeiros chegados desde País Vasco, Cantabria e Galicia. As tripulaciones cántabras de Astillero, Castro Urdiales e Pedreña, as vizcaínas de Kaiku Ambilamp, Portugalete Eulen e Urdaibai Umpro Avia, as guipuscoanas de Hondarribia Orsa, Orio Babyauto, San Juan Iberdrola, San Pedro Ecolmare e Zumaia Altuna e Uria, e a galega de Tirán Pereira competirán por levarse unha das bandeiras máis importantes da tempada.
Unha hora antes, ás 17:00 horas, disputarase a regata da Liga Galega de Traíñas, en concreto a regata da Liga A, tamén denominada Bandeira Nauta Sanxenxo. Trátase da proba que abre a tempada. Nela participarán oito embarcacións: A Cabana, Amegrove, Cabo da Cruz, Chapela, Mecos, Mugardos, Samertolameu e Vilaxoan.