Partido sen defensas con superioridade do Cisne sobre Alarcos (34-29)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Tres puntos de ouro e moito mérito para o Cisne fronte a un dos claros candidatos ao ascenso como é o Alarcos Ciudad Real. Os brancos venceron con autoridade, aínda que con menos tranquilidade do que reflicte o marcador final, nun partido marcado pola escasa intensidade defensiva de ambos os equipos, máis ocupados nas accións de ataque.
Primeiros minutos de imprecisións, erros e perdas de balón de ambos os equipos, situación que rompeu Alarcos para poñerse por diante no marcador, aínda que sempre con diferenzas mínimas e levar a remolque aos locais ata preto do ecuador do primeiro tempo.
Os de Jabato aproveitaron a exclusión de Héctor González para facer un parcial de 3-0 e poñerse por diante no marcador coa que sería a súa máxima vantaxe (8-6) e pasar a dominar o xogo.
Pero erros nalgunhas accións individuais que terminaron con lanzamentos precipitados, impediron o despegamento do cadro local, que vía como unha nova exclusión, neste caso nas súas filas, permitiría aos castelán-manchegos neutralizar a curta renda en apenas un minuto tras ser excluído Iván Calvo (10-10) a falta de nove minutos para o descanso.
A partir de aí, cada gol do Cisne era inmediatamente respondido por Alarcos, chegándose ao descanso con empate (14-14) e as espadas no alto.
A segunda parte mantivo a tónica de igualdade, cun Cisne que pronto recuperaba a renda de dous, pero novamente durmíase, permitindo a reacción visitante nun parcial de 0-3 para poñerse de novo con vantaxe mínima (17-18) no minuto 36.
O dominio duraríalle a Alarcos xusto catro minutos, que serían os que tardaría o Cisne en volver mandar, da man dun poderoso David Chapela (9 goles), ben secundado por Andrés Sanchez (8 goles). A tímida defensa visitante era incapaz de frear lanzamentos e penetracións de ambos os laterais, pero como nese mesmo aspecto tampouco os de Jabato estaban especialmente intensos, as vantaxes mínimas e empates volveron sucederse sen que ningún equipo acabase de impoñerse.
Non sería ata os 10 últimos minutos cando o Cisne lograse abrir brecha. Fíxoo precisamente con goles de David Chapela e Andrés Sánchez, para poñer o 28-25 no luminoso.
Empeñados en non sentenciar, o Cisne cometeu ata tres erros en ataque consecutivos que deron aire a Alarcos, pero aos casteláns tremeulles o pulso e non aproveitaron esas facilidades, sendo os de Jabato os que mesmo se foron cun novo tanto para poñer a diferenza en catro (31-27) cun tanto de José Leiras.
Quedaban pouco máis de seis minutos e a Alarcos xa non quedaron forzas, pero especialmente ideas, para reaccionar. Incluso a diferenza subiu nun gol máis para quedar nese 34-29 final, que tamén resulta interesante de cara ao parcial entre ambos os equipos.
Consulta a acta do partido Cisne-Alarcos na web da RFEBM.
Relacionadas:
-
O Cisne viaxa a Córdoba co vento ao seu favor
Por Redacción |
-
O Ángel Ximénez de Puente Genil, rival do Cisne na segunda rolda da Copa do Rei
Por Redacción |
-
Triunfo histórico do Cisne ante o Teucro na Copa do Rei (29-24)
Por Almu Dapena & Diego Torrado |
-
Derbi de contrastes na primeira rolda da Copa do Rei de balonmán
Por Manu Otero |
-
O Cisne pon a proba a súa ambición diante dun dos cocos da categoría
Por Redacción |
-
Vitoria importantísima ante o Novás dun Cisne que ilusiona (22-25)
Por Sofía Lorenzo |
-
O Cisne máis ambicioso inicia a liga coa visita ao Novás
Por Manu Otero |
-
Nomean seleccionador nacional xuvenil ao adestrador do Cisne, Jabato
Por Redacción |