As rapazas de voleibol e baloncesto loitarán polas medallas nos Xogos do Eixo Atlántico
Por Alejandro Espiño
Chegou a hora da verdade para Pontevedra nos X Xogos do Eixo Atlántico que se están disputando na localidade portuguesa de Guimaraes. A terceira xornada foi decisiva para as aspiracións de todos os equipos de Pontevedra, xa que encaraban a recta final na fase de grupos para os equipos de balonmano e baloncesto masculino e baloncesto e voleibol feminino. As únicas con opción a medalla son os dous equipos das rapazas.
O equipo máis madrugador foi o de Fútbol 7. Trala desilusión por non meterse na loita polas medallas, comezaban a súa loita polo noveno posto. E fixérono con moitas ganas de demostrar a valía deste equipo. E así foi. Impuxéronse ao equipo portugués de Barcelos por un rotundo 5-0, afianzando desta forma as súas posibilidades para alzarse con esta novena posición.
O fútbol deu paso ás mozas do baloncesto que afrontaban unha dobre xornada. Enfrontáronse primeiro ao complicado equipo de Lugo. Conscientes de que se xogaban moitas das súas opcións de poder loitar polas medallas, saíron moi concentradas á cancha. Nun partido axustado, pero dominado de principio a fin, impuxéronse por nove puntos de diferenza (25-34).
E no seu último partido da fase de grupos, contra o Ourense, demostraron que van a por todas nestes Xogos do Eixo Atlántico. Quizais a necesidade de gañar presionou en certo xeito ás xogadoras pontevedresas e provocou que o partido non estivese decidido, como era de esperar, ata os últimos instantes do partido. Pero conseguindo o ambicioso obxectivo que se marcaron de pasar a semifinais ao impoñerse 39-36.
Pola súa banda, animadas pola moral de impoñerse nos dous primeiros partidos, as mozas do voleibol saltaron ao campo con moita confianza en si mesmas. Desde un principio, a diferenza técnica reflectiuse no marcador xa no primeiro set cun contundente 6-25. Tónica que se mantivo ao longo do segundo set para finalizar cunha ampla vantaxe de 17 puntos (8-25) que serían definitivos para impoñerse no partido por 2-0.
No seu segundo partido do día, xa pola tarde, enfrontábanse no segundo partido do día a Santiago de Compostela, resolvendo o partido sen grandes complicacións por un contundente 2-0 (12- 25 e 19-25) que, a falta dun partido da fase de grupos este mércores, aseguran a súa presenza nas semifinais que tamén se disputarán mañá pola tarde, unha vez finalicen todos os encontros da fase de grupos.
Peor lle foron as cousas aos mozos do balonmano. Enfrontábanse, por un posto en semifinais, co equipo portugués de Matosinhos. Foi un partido moi igualado ata entrada a segunda parte, na que os lusos, facendo gala dun maior oficio, púxose por diante de dous goles, que ao cabo serían definitivos (21-19) para deixar aos pontevedreses sen opcións de optar ás medallas.
Igual que lle pasou ao equipo de baloncesto masculino. Víanse as caras en cuartos de final coa selección portuguesa de Matosinhos. Tras certo dominio dos pontevedreses, que se foron ao descanso catro puntos arriba (31-27), unha serie de erros fixo que se atascasen durante demasiado tempo. Os portugueses situáronse seis arriba, un resultado que provocou numerosas imprecisións de Pontevedra no último cuarto e a súa posterior eliminación.
COMEZA ATLETISMO E NATACION
Coincidindo coas fases finais dos deportes por equipos, Guimaraes recibirá este mércores aos integrantes das seleccións que participarán representando a Pontevedra en natación, atletismo e atletismo adaptado. Co inicio das probas destas tres disciplinas deportivas complétase o programa que se desenvolve nesta décima edición dos Xogos do Eixo Atlántico.
Un total de 29 persoas competirán, xa desde este mércores, nas distintas probas que forma o calendario de competición. Así na modalidade de atletismo, pola mañá celébrase a competición de pista e o xoves pola mañá a competición de ruta. Pontevedra participará en todas e cada unha das probas: 100 metros, 1000 metros, lonxitude, peso e relevos 4x100. Faino cun total de 10 deportistas, seis nenos e catro nenas.
Na modalidade de atletismo adaptado Pontevedra contará coa participación de seis deportistas, catro en categoría masculina e dúas en feminina; e en natación a participación será en todo o programa de competición, cun total de oito deportistas: catro nenas e catro nenos. O programa de competición centrarase nas probas de 100 metros: bolboreta, estilo libre, braza e costas e o 4x100 estilos.
Relacionadas:
-
Pontevedra pecha a súa participación nos Xogos do Eixo Atlántico co bronce do baloncesto feminino
Por Alejandro Espiño |
-
O atletismo dá a Pontevedra as súas primeiras medallas nos Xogos do Eixo Atlántico
Por Alejandro Espiño |
-
Sorte dispar para Pontevedra no comezo dos Xogos do Eixo Atlántico en Guimaraes (Portugal)
Por Alejandro Espiño |