Veteranos do Pontevedra e Deportivo únense para render homenaxe a Carlos Padín
Por Redacción
O "mago de Catoira", así lle chaman desde hai bastante tempo. Carlos Padín, con 25 anos de carreira deportiva ás súas costas, tivo a homenaxe que se merece pola súa traxectoria no seu pobo, no campo de As Lombas. Veteranos do Deportivo, dos que Padín forma parte, do Pontevedra e unha selección de exxogadores que compartiron vestiario con el en distintos equipos, disputaron este sábado varios partidos de fútbol 7., apoiando a iniciativa da directiva do Catoira.
Desde os seus inicios no propio Catoira, pasando polo Arousa, onde empezou e estivo en varias etapas, do mesmo xeito que no Pontevedra. Fabril e Deportivo, con debut en Primeira División incluído, Racing de Ferrol, CD Ourense, Boiro, Ordes, Cordeiro, Flavia, son os equipos dos que Padín vestiu camiseta.
Case todos eles estiveron representados na súa homenaxe. Algúns cos seus presidentes, como Manolo Abalo e Ramón Dacosta (Arousa e VDE Ourense), outros con directivos (Racing, Pontevedra, Boiro). De todos eles recibiu Padín o agarimo en forma de diferentes obsequios ao futbolista de 44 anos. Tampouco faltou o presidente da Federación Galega, Rafael Louzán, que fixo entrega a Padín dunha placa conmemorativa.
Padín xogou un partido con cada equipo. No primeiro a selección integrada por excompañeros como o seu irmán Jorge, Dasilva, Santos, Nacho, Cabrejo e Anxo, entre outros, venceu 5-0 a un Deportivo no que destacou a presenza de Donato.
No segundo choque, os veteranos do Pontevedra, con Román, Marsillas, Modesto, Luciano, Juanlu, Pablo Vázquez, Diego Pérez, Ramiro Sorbet, Marcos Durán, Jandro, Xavi, Tonete, Luis Rivas, Milucho, Gustavo Blanco e Ricardo Mascato, gañou á selección 2-1. No último, gañou o 1-0 o Deportivo ao Pontevedra nun duelo no que Padín deulle ao alternativa ao seu fillo Hugo os últimos minutos.
Unha xornada inesquecible, para un futbolista especial.