O Leis estrea o seu vídeo ao estilo Fifa Street co que celebra o seu 40 aniversario
Por Manu Otero
Non todos os días se cumpren 40 anos e para celebrar tal efeméride o Leis Pontevedra acaba de estrear un vídeo promocional no que as súas xogadoras e xogadores toman a rúa para disputar partidos rueiros e realizar filigranas ao máis puro estilo dun videoxogo. A estética da obra, con localizacións tan cinematográficas como a cancha baixo a ponte da autoestrada en Mollavao, trae de forma inevitable á mente dos espectadores o recordo de videoxogos futboleiros que marcaron unha época como Fifa Street, que a compañía EA Sports rescata este ano ao incluílo na última edición da franquía FIFA.
O obxectivo desta iniciativa céntrase en "animar a que a xente se una ao Leis", explicou o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, na presentacion oficial do anuncio que tivo lugar este mércores no Concello de Pontevedra coa presenza da produtora do vídeo, Marta Lago; e o xerente do club, Sergio García. "A idea era conmemorar o 40 aniversario do club, o máis antigo de Galicia", dixo o directivo, quen pueso en valor que o 25 % das 300 fichas que ten o Leis corresponden ao fútbol sala feminino.
A campaña, que inclúe promoción en redes sociais e cartelería ademais da estrea desta peza audiovisual, foi realizada por empresas pontevedresas.