Sorte dispar para Pontevedra no comezo dos Xogos do Eixo Atlántico en Guimaraes (Portugal)
Por Alejandro Espiño
Cara e cruz para a representación pontevedresa nos X Xogos do Eixo Atlántico que se están disputando en Guimaraes (Portugal). Unha competición que está sendo marcada polas altas temperaturas. Os 35 grados deste martes son un exemplo da calor que reina na cidade lusa. A cara é, ata o momento, para o baloncesto masculino, clasificados xa para cuartos. E a cruz, para o fútbol 7 que non poderá optar ás medallas. Pero imos por partes.
Debutaba este luns o equipo de balonmano masculino. Facíao en horario matinal fronte aos anfitrións, o Guimaraes, que fixo bo o factor campo e impúxose a un Pontevedra moi nervioso por 30-24. Mellor fóronlle as cousas aos pontevedreses pola tarde. Enfrontábanse ao equipo da Coruña e fixeron bos os pronósticos, derrotándoos con comodidade por 28-18. Xogaranse o pase este martes a semifinais contra o conxunto portugués de Matosinhos.
Enfrontarse ao equipo anfitrión non foi un problema para o equipo de baloncesto masculino. A súa vitoria do domingo fronte ao Guimaraes fíxolles afrontar o seu segundo encontro con maior tranquilidade. E repetiron triunfo contra outro equipo portugués. Venceron 44-19 ao Penafiel e clasificáronse para cuartos de final. O seu rival coñecerano este martes.
O equipo feminino de baloncesto, que debutaba nesta segunda xornada, non comezou con tan bo pé. No seu primeiro partido, que segundo os seus coordinadores contaban con gañar, caeron por un axustado 33-28 contra Santiago de Compostela. Non lle foi mellor as cousas pola tarde contra o Guimaraes. O partido, que foi moi igualado nos tres primeiros cuartos, caeu de lado portugués no último. Perderon 31-51, tras deixarse 18 puntos nos últimos minutos.
A sorpresa agradable da jornada deuna o equipo femenino de voleibol. Debutaban, a priori, contra un dos equipos máis fortes, o Oporto. Pero salvo un pequeno baixón no transcurso do segundo set que lles supuso perdelo cando levaban unha comoda diferenza de 4 puntos (20-17) gañaron o partido por 2-1 cun terceiro e definitivo tempo no que se impuxeron por un cómodo 15-12.
E para rematar, o equipo de Fútbol 7 xogará polo noveno posto, ao quedar terceiros do seu grupo. Nesta segunda xornada abrírona cunha vitoria por 3-2 contra os portugueses de Famalicao tras remontar un 0-2 en contra, pero no partido decisivo non puideron fronte a un Santiago que, con xogadores máis experimentados que os pontevedreses, venceulles por 2-0. A Pontevedra lastrárona as numerosas lesións que sufriron tres dos seus integrantes.
ASI FOI A PRIMEIRA XORNADA
Baixo un sol de xustiza e con comezo dos encontros ás 16,00 horas, Pontevedra estreouse este domingo nos Xogos do Eixo Atlántico. Fíxoo competindo en fútbol 7 e baloncesto masculino con sorte dispar.
En fútbol 7 Pontevedra daba os seus primeiros pasos nesta competición e enfrontábase a un dos favoritos do torneo, o Matosinhos. Tras un partido de ti a ti, no que Pontevedra mantívose diante no marcador ata o empate 2-2, foi no desenlace do partido cando os de Matosinhos impuxeron a súa maior fortaleza e agresividade deportiva para facerse co encontro por un resultado final de 2-4.
A cara máis positiva da moeda púxoa o baloncesto masculino que, con gran oficio e xogo colectivo, impúxose con máis comodidade da previsible ao equipo local, Guimaraes, por un indiscutible resultado final de 49-16.
Pontevedra desprázase a Guimaraes cun total de 103 deportistas. Divídense en dúas saídas. A primeira, que xa está na cidade portuguesa, está composta polos integrantes de balonmano masculino, baloncesto masculino, baloncesto feminino, fútbol 7 masculino e voleibol feminino. Os deportistas das modalidades individuais: atletismo, atletismo para discapacitados e natación chegarán a Guimaraes este mércores.
Relacionadas:
-
O atletismo dá a Pontevedra as súas primeiras medallas nos Xogos do Eixo Atlántico
Por Alejandro Espiño |
-
As rapazas de voleibol e baloncesto loitarán polas medallas nos Xogos do Eixo Atlántico
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra despide á súa representación nos X Xogos do Eixo Atlántico
Por Redacción |