Gómez Noya e Pablo Dapena, a pola gloria no mundial de Ironman de Niza
Por Manu Otero
A tempada de tríatlon toca á súa fin. As series mundiais baixaron o pano a pasada fin de semana en Lausane e este domingo fará o propio o circuíto Ironman 70.3 coa disputa do mundial en Niza coa presenza dos mellores triatletas do mundo, entre eles Javier Gómez Noya e Pablo Dapena.
Ambos os deportistas levan xa varios días concentrados na cidade da costa francesa preparando a penúltima gran cita da tempada, a última chegará en outubro, en casa, coa disputa do Pro Tour.
A hora da verdade chegará o domingo ás 7.00 horas, momento no que se dará o pistoletazo de saída e os triatletas lanzaranse á auga para nadar 1,9 quilómetros. Tras a primeira transición, o pelotón subirase á bicicleta para completar un circuíto de 90 quilómetros e, finalmente, unha carreira a pé de 21,1 quilómetros.
Entre os favoritos para facerse coa vitoria está o pentacampeón do mundo de distancia olímpica, Javier Gómez Noya. Pero os seus rivais non llo poñerán nada fácil. O escarpado perfil do circuíto do tramo ciclista non é o que máis favorece ao atleta afincado en Pontevedra, que terá que dar o mellor de se para evitar que outros especialistas como Alistair Brownlee ou Patrick Lange abran grandes diferenzas.
Pablo Dapena, pola súa banda, prefire evitar a presión de loitar por unha medalla, pero ten como obxectivo terminar a carreira entre os dez mellores.
A carreira pode seguirse en directo desde a páxina web oficial de Ironman
Relacionadas:
-
Gómez Noya queda fóra do podio do Mundial 70.3 de Niza e Dapena remata décimo quinto
Por Redacción |
-
Javi Gómez Noya, terceiro do mundo tras a Gran Final das Series Mundiais
Por Redacción |
-
Dapena, ouro no Galego de distancia sprint de Pontevedra e bronce para Saleta Castro
Por Sofía Lorenzo & Diego Torrado |
-
Ser top 10 no Ironman 70.3 de Niza, último gran reto da tempada para Pablo Dapena
Por Manu Otero |
-
O tríatlon nacional estreará outra nova competición en Pontevedra, o Campionato de España Contrarreloxo Individual
Por Diego Espiño |