Fran Rico colga as botas
Por Manu Otero
A última perla da canteira granate abandona os terreos de xogo. Tras un calvario de lesións no seu xeonllo que o obrigou a pasar polo quirófano ata en tres ocasiones e a pasar dous anos sen poder gozar do fútbol, Fran Rico decidiu dar un xiro de 180 graos á súa carreira. O mediocentro de Portonovo rescindiu o contrato que o unía ata o 2020 co Granada para enrolarse na dirección deportiva do Éibar, equipo no que xogou durante unha tempada.
"Triste por ter que deixar o fútbol, xa hai moitos anos que o meu xeonllo dime que non pode máis. Pero castigueina moito por cumprir os meus soños e obxectivos. Hoxe teño secuelas importantes para sempre, pero non cambiaría absolutamente nada do que fixen, considero que mereceu a pena todo o esforzo realizado", compartiu o exfutbolista nas súas redes sociais.
"Agora o Éibar bríndame a gran oportunidade de formar parte da secretaría técnica e seguir ligado ao fútbol profesional, cousa que me fai tremendamente feliz. Sempre estarei en débeda convosco", engadiu o galego, moi agradecido ao conxunto vasco.
A través do Twitter do Éibar confirmaron a fichaxe de Rico e a súa función dentro do organigrama do club. "Fran Rico pasa a formar parte da Secretaría Técnica de SD Eibar, segundo acaba de anunciar en rolda de prensa o Director Deportivo do Club, Fran Garagarza", recollía o tweet. En Ipurúa, o de Caneliñas vivirá a súa primeira experiencia nos despachos co obxectivo de gañar experiencia e labrarse unha carreira como director deportivo.
O exgranate disputou 60 partidos de liga coa camiseta do Pontevedra repartidos entre as tempadas 2005-2006 e 2007-2008. Daquela o Real Madrid chamou á súa porta e pasou a formar parte do filial, pero no seu mellor momento, cando era capitán do Castilla e tiña opcións de debutar co primeiro equipo, comezaron as lesións que acabaron con esta prematura retirada.
Ao finalizar a última tempada, o exfutbolista mostrou a súa disposición para seguir gozando do fútbol algunha tempada máis. De feito, confesou que lle gustaría volver vestir a camiseta do Pontevedra. Unha declaración que disparou as ilusións da afección e as especulacións sobre un posible regreso a Pasarón que finalmente non chegou a producirse.
Relacionadas:
-
Fran Rico, un campión da Europa League con ADN granate: "Todavía no me lo creo"
Por Diego Espiño |
-
O exgranate Fran Rico inicia a súa carreira nos bancos como segundo de Mendilíbar no Sevilla
Por Manu Otero |
-
Fran Rico, do Eibar ao Sporting de Xixón: será o seu novo secretario técnico
Por Alejandro Espiño |
-
O pontevedrés Fran Rico rescinde o su contrato co Granada
Por Alejandro Espiño |
-
Fran Rico volve gozar do fútbol de elite máis de dous anos despois
Por Diego Espiño |