O Pontevedra B encaixa, ante o Céltiga, a súa segunda derrota do curso en Preferente (2-1)
Por Redacción & Diego Torrado
Tras a derrota da pasada semana do Pontevedra CF B ante o Juventud Cambados, tocoulles aos granates visitar o Salvador Otero para disputar o partido correspondente á segunda xornada de liga ante o Céltiga CF. Os da Illa, pola súa banda, recibían aos seus rivais cun punto na súa marcadora.
Unha primeira parte sen goles por parte dos pontevedreses, obrigoulles a marcharse ao descanso cun desvantaxe de dous no marcador (2-0). Despois dun primeiro penalti de Grego no 26' e o segundo tanto de Manu Santos escasos seis minutos despois, tan só quedáballes aos de Sergio Moreira cambiar a súa dinámica coa continuación.
Con todo, o paso polos vestiarios non serviu de moito aos visitantes, polo menos no plano ofensivo. No defensivo, conseguiron que varias xogadas perigosas dos arousáns quedasen en nada. Tras máis de media hora do segundo tempo, un penalti de Hugo Jiménez lograba reducir distancias (2-1), pero non o suficiente como para conseguir, nos minutos restantes, polo menos a repartición de puntos, encaixando así, a súa segunda derrota na tempada.
O Ribadumia volveu xogar en casa esta fin de semana. Despois do empate (1-1) da pasada xornada ante o Céltiga, os de Luís Carro recibiron na Senra ao Juvenil de Ponteareas.
Despois dunha primeira parte sen goles, na que ningún dos dous equipos logrou crear ocasións claras, a segunda foi distinta. Os locais comezaron, xusto tras a continuación, a tomar as rendas do choque. Foi poucos minutos despois do asubío que Aitor Díaz estableceu o 1-0. A partir dese momento o conxunto anfitrión, aínda que non foi quen de aumentar a súa renda, deixou constancia do seu dominio, sobre todo a partir do 80', momento no que comezaron a xogar cun home menos no campo. O colexiado expulsou a Fran Reigosa, feito que non souberon aproveitar os do Xuvenil, que non logaron, polo menos a repartición de puntos.
Dous dos recentemente ascendidos equipos a Preferente medíronse este domingo en Baltar. O Portonovo SD, tras o empate da pasada semana co Barbadás (3-3), recibiu, ao Gran Peña, que, pola súa banda, encaixou unha dura goleada na primeira xornada de liga (0-4).
Nesta ocasión, aínda que o partido non se decantou en ningún momento por ningún dos dous bandos, xa que ambos os equipos chegaron sen goles aos compases finais do mesmo, un penalti de Rober Vázquez no minuto 81' permitía aos visitantes sumar os seus primeiros tres puntos da tempada a costa dos do Salnés.
O Villalonga chegou ao cruzamento desta fin de semana con tres puntos na clasificación. Despois da goleada ao Valladares na Gándara (0-4), tocoulles aos de Ricardo Fernández recibir ao Barbadás, nun choque onde non gozaron da mesma sorte que no anterior.
O cruzamento comezou de fronte para os visitantes, que tardaron pouco menos de vinte minutos en poñerse por diante no marcador. Foi David Nespereira quen estableceu o 0-1 no 18'. Con todo, pouco tardaron en empatar os locais. Por medio de Marcos Blanco lograron o 1-1 no 23'. E antes de que chegase o descanso sentenciouse o partido. Martín Fernández foi o causante da primeira vitoria do Barbadás (1-2) en Preferente.
Pola súa banda, o Xuventú Sanxenxo moveuse ata Lourambal para medirse ao recentemente ascendido Porriño CF, que non tivo o mellor dos comezos na categoría, xa que terminou cun 0-3 na súa contra ante o Moaña.
O partido non só comezou moi igualado, senón que mesmo despois dunha primeira parte sen goles, parecía que o máis probable era terminar coa repartición de puntos. Con todo, nos compases finais a balanza decantouse cara a un dos bandos. Un gol de Álex Currais no 84' daba a vitoria aos do Salnés (0-1).
O Beluso xogou como anfitrión ante o Moaña, que chegaba á segunda xornada cuns merecidos tres puntos despois da vitoria da pasada fin de semana. Os de Óscar García non correron outra sorte este domingo, xa que encaixaron a súa segunda derrota do curso.
Os visitantes repetiron o bo resultado. Dominaron a primeira metade de partido, conseguindo chegar ao descanso do mesmo cunha vantaxe de dous tantos no marcador. Ambos de Andrés Giráldez (no 23' e no 37').
Despois do paso polos vestiarios, aínda que nada máis empezar Iván Bermúdez conseguise sumar o primeiro gol dos locais (1-2) e recortar distancias, o control continuou sendo dos de Moaña. Tanto foi así que outros dous tantos de Andrés Giráldez daríanlles a vitoria e os tres puntos (1-4).
Consulta a acta do CD Beluso-CD Moaña.
Finalmente, o Juventud Cambados recibiu no seu campo ao Mondariz, que chegaba a Burgáns despois do seu primeiro empate en Preferente ante o Arnoia (1-1). Os de Charlín, pola súa banda, non conseguiron sumar a súa segunda vitoria da tempada, pero si un punto do empate.
O choque sentenciouse no primeiro tempo. Non tardou moito o cadro visitante en poñerse por diante no marcador, nesta ocasión, cun gol de Raúl Lago (11'). Con todo, pouco tempo necesitaron os locais para reaccionar. Foi David Giráldez, no 22', quen marcou o tanto do 1-1, que se mantería ata o asubío final.
Relacionadas:
-
Hugo Soto convértese nunha dor de cabeza para o Portonovo e dálle a vitoria ao Ribadumia (1-3)
Por Redacción & Diego Torrado |
-
O Pontevedra B suma os seus tres primeiros puntos en Preferente á conta do Mondariz (2-1)
Por Redacción & Diego Torrado |
-
O Pontevedra B cae no seu regreso a Preferente ante o Cambados e o Ribadumia-Céltiga remata en tablas
Por Redacción |
-
As eliminacións de Alondras e Bergantiños no play-off confirman os descensos de Céltiga e Marcón
Por Redacción |
-
Xornada redonda para un Céltiga que casi abandona a zona de perigo gañando ao Somozas (2-0)
Por Redacción |