Todo listo para a II Cronoescalada ao alto de Mesego
Por Redacción
Este domingo, 1 de setembro, celebrarase a II edición da Cronoescalada en bicicleta de carretera ao alto de Mesego organizada polo Club de Montaña Xesteiras. Trátase dun percorrido de 6 quilómetros cun desnivel acumulado de 380 metros aproximadamente, no que participarán 70 corredores divididos en cinco categorías tanto masculinas como femininas.
A saída será ás 10:30 horas desde o Pavillón Municipal dos deportes de Cuntis con chegada no alto do Folgoso- Mesego. Os corredores sairán dun nun cun minuto de diferenza entre eles, saíndo en primeiro lugar os primeiros en inscribirse.
O presidente do club, Tono Abal, sinalou que "con esta proba queremos recuperar unha clásica ciclista que se celebraba en Cuntis hai anos, e tratar de consolidala con periodicidade anual". O obxectivo do club é consolidar a proba de cronoescalada no calendario galego de ciclismo de estrada.