Falece Julio Latas, xogador e adestrador que logrou senllos ascensos co Teucro a División de Honra
Por Ramiro Espiño
Julio Latas Vázquez, unha das poucas persoas que podía presumir de conseguir senllos ascensos coa SD Teucro á División de Honra na dobre faceta de xogador e adestrador, faleceu na tarde deste martes en Pontevedra aos 68 anos de idade, vítima dun cancro que lle afectaba desde fai apenas un par de meses.
Integrante do equipo que logrou o primeiro ascenso do Teucro á máxima categoría, na tempada 1972/73, baixo a presidencia de Pedro Iglesias, con Juan Luís como adestrador, Latas compartía vestiario con nomes míticos como Cameselle, Gómez, Sansilvestre, Maeso, Ignacio, e Area, entre outros.
Latas mantívose como xogador ata a tempada 1976/77 (a do descenso do Teucro), a cuxa finalización causou baixa para fichar polo Cisne, equipo no que comezou a realizar funcións de adestrador ata a tempada 1981/82 na que José Manuel Vázquez Piay, entón presidente do Teucro, encoméndalle a dirección dun equipo teucrista integrado por xogadores da casa.
Á segunda, Julio Latas conseguiu o obxectivo de devolver ao Teucro á máxima categoría, na tempada 1982/83, cun equipo no que xa figuraban nomes como Pillo, Dido, Manolo Pedreira, Coté Domínguez, Barcia, Maeso, Pacheco, Chan, Rafa Vilar e Quique Barco, entre outros.
Tras o descenso do Teucro, Julio Latas abandonou o balonmán, para dedicarse en exclusiva á súa profesión como empregado do Banco de España ata a súa xubilación.
A noticia, polo inesperado e rápido do desenlace, causou forte conmoción entre os numerosos amigos e coñecidos que Latas ten na cidade e especialmente no mundo do balonmán.
Os seus restos mortais atópanse nas salas velatorias San Marcos Virxe do Camiño de Pontevedra, onde permanecerán ata este mércores ás 16:00 horas, nas que serán trasladados para a súa incineración na intimidade familiar.