Os petanqueiros de Pontevedra invitan a toda a cidade a participar o sábado na festa da petanca
Por Manu Otero
A alameda de Pontevedra sera escenario o vindeiro sábado da primeira festa da petanca. A partir das catro da tarde, calquera persoa interesada neste deporte, que cada vez atrae a máis practicantes na cidade, pode pasarse por este recinto e unirse á festa. "Non é unha competición, é un pasatempo", puntualiza Raimundo Argibay, un dos organizadores do evento.
Aínda que non haberá un gañador, o evento si que ten certo carácter competitivo. Na alameda instalaranse cinco pistas. En catro delas xogarán, divididos en grupos de tres, os doce equipos das diferentes parroquias pontevedresas. A quinta cancha será "a pista escola, onde todas as persoas principiantes poidan aprender", sinala Argibay.
"A petanca é un deporte cun crecemento exponencial en Pontevedra, empezou a funcionar hai poucos anos e cada ano hai unha liga máis forte", dixo o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, durante a presentación do evento. O obxectivo principal desta festa é dar a coñecer este deporte entre a sociedade local e fomentar a actividade física. "A petanca é un exemplo disto porque fai que as persoas saian dás casas, se movan e melloren a súa musculatura", engadiu Fernández.
Ademais deste torneo amigable, os clubs de petanca da cidade están a preparar co Concello de Pontevedra a creación de escolas de petanca en colaboración cos colexios. Así mesmo, esperan que ao longo do presente mandato se cren pistas e clubs de petanca en todas as parroquias do municipio. "Non é so para persoas maiores, é para todas as idades. Xa estamos en dez parroquias, a nosa ilusión é que todas as parroquias tiveran infraestruturas e xente", rematou Raimundo Argibay.
Relacionadas:
-
Nove equipos loitan pola Copa Cidade de Pontevedra de Petanca
Por Redacción |
-
Os petanqueiros invaden a Alameda de Pontevedra por unha tarde
Por Redacción & Diego Torrado |
-
RADIO.- Conversas na Ferrería: Estes xogadores pétana
Por Marisa Ciordia |
-
Comeza a liga de petanca, un deporte "para todos os públicos, non só para persoas maiores"
Por Almu Dapena & Mónica Patxot |