O Pontevedra B cae no seu regreso a Preferente ante o Cambados e o Ribadumia-Céltiga remata en tablas
Por Redacción
Este domingo comezou a liga en Preferente e ao Ribadumia tocoulle recibir, na Senra, ao recentemente descendido Céltiga CF.
O choque comezou moi igualado. Non foi ata pasada a media hora de xogo que o cadro visitante puido adiantarse no marcador. Foi un gol de Grego o que estableceu o 0-1, dando vantaxe aos de Javi Rey. Buscaron o empate os locais nos últimos 15 minutos, con todo, marcharon ao descanso en desvantaxe.
A dinámica foi a mesma durante os primeiros compases da segunda parte. Ningún dos dous equipos foi quen de crear ocasións claras de gol. Non obstante, unha acción individual de Fran Matos poñía as táboas no electrónico (1-1), terminando o primeiro cruzamento con repartición de puntos.
O Pontevedra B estreouse no seu regreso á división, nesta ocasión, cun derbi ante o Juventud Cambados no campo da Xunqueira I.
Os de Charlín chegaron a Pontevedra coas pilas cargadas despois das vacacións, algo que se notou desde o minuto un. Non tardaron moito en adiantarse no marcador cun gol de Andrés Perfecto 'Perfect'. E, a pesar de senllas tentativas por parte da escuadra granate, estes non conseguiron a igualada, polo que marcharon ao descando en desvantaxe (0-1).
Coa continuación, mantívose a dinámica da primeira metade. O Cambados continuou dominando o partido e foi no 51' cando Ameneiro aumentaría a renda cun tanto na portería de Cris Rosales. Co 0-2 reducíanse considerablemente as posibilidades de vitoria local e case se esfumarían co gol de, de novo, Perfect tres minutos despois (0-3). Mais aínda lle tocaría sufrir ao equipo visitante, xa que a escasos dez minutos do desenlace, Hugo reduciría distancias co 1-3 de penalti. E non sería o único. Case sobre o asubío final, el mesmo volvería superar a Sergio Rodríguez con outro tanto que deu esperanzas aos anfitrións. Con todo, nada puideron facer no tempo de desconto, sumando, así, os de Cambados a súa primeira vitoria do ano á conta do recentemente ascendido filial do Pontevedra (2-3).
Consulta a acta do Pontevedra B-Juventud Cambados.
Pola súa banda, o recentemente ascendido Portonovo SD empatou, na súa estrea en Preferente, co UD Barbadás, que o pasado curso quedou ás portas do ascenso a Terceira. A pesar diso, o cadro ourensán non logrou superar ao persoal local, que non sufriu cambios respecto ao pasado ano.
Comezaron algo máis forte os locais, que, aínda non cumpríndose o minuto de xogo, poñíanse por diante no marcador de man de Marcos Prado. Con todo, non tardaron en reaccionar os de Pedro Ruiz e igualar o choque cun tanto de Iván Rubio no 18'. A partir deste intre, sufriu o equipo visitante, que vía preto outro gol por parte do Portonovo. E así foi. Dous goles dos anfitrións dábanlles certa comodidade. O primeiro no 22' grazas a Ramón Martínez, que estableceu o 2-1, e volvía poñelos por diante; o segundo, no 40' de Diego Iglesias. A pesar de todo, Isma Martínez, xusto antes do asubío, marcou o gol do 3-2, que minguaba, en certa medida, a tranquilidade dos de Pacho Oliveira. Pouco durou isto, xa que tras o paso polos vestiarios, Vilacha devolvía a igualdade ao marcador a los cinco minutos (3-3). Marcador que se mantendría hasta el final.
Consulta a acta do Portonovo SD-UD Barbadás
O recentemente ascendido CD Valladares enfrontouse, no seu debut na división, ao descendido Villalonga na Gándara.
Os locais, a pesar de conseguir crear, ao longo do partido, diferentes ocasións de gol ante a portería de Aarón Puente, non foron quen de impoñerse no seu campo. Os de Ricargo Fernández, pola contra, exerceron un duro correctivo aos seus rivais no primeiro cruzamento da tempada. Dous goles no primeiro tempo, o primeiro de Saúl Torres aos dez minutos de xogo e o segundo de Bistilleiro no 27', e dous na segunda, ambos de Diego Guerra, deron a clara vitoria aos do Vilalonga (0-4), que xa suma tres puntos na clasificación.
Consulta a acta do CD Valladares-Villalonga CF.
Outro empate nesta primeira xornada do ano foi o do Xuventú Sanxenxo ante o CD Velle en Baltar de Arriba.
Comezaron dominando os visitantes, que, a escasos 15 minutos do inicio do partido, xa se adiantaban no marcador cun gol de Martín Caneiro de penalti. A pesar diso, pouco duroulles a vantaxe, xa que, case a continuación, Adri González regalaría un tanto aos de Manu Blanco ao marcar en propia porta. O erro supuxo o empate do choque (1-1), resultado co que marcharían ao descanso.
Despois dun final de primeiro tempo moi equilibrado, a continuación non foi distinta. Non sería ata pasados os 25' que Rubén González conseguiría poñer aos seus, por primeira vez, por diante (2-1). Con todo, non tardaron en responder os do Velle, que sete minutos despois volverían establecer a igualada (2-2). Finalmente, ningún das dúas escuadras foi quen de evitar a repartición de puntos.
Conuslta a acta do Xuventú Sanxenxo-CD Velle.
O Beluso viaxou, este domingo, para medirse ao Cultural Areas na Lomba.
Pese adiantarse no electrónico cun gol temperán de Diego Rodríguez, non puideron evitar que os locais empatasen o choque no 17' e désenlle a volta aos oito minutos da continuación tras o descanso. Gonçalo Araújo sería quen anotaría o primeiro e Pedro Martinez o que sentenciase o encontro, permitindo que os seus levasen o primeiros tres puntos da tempada.