Os mellores altetas nacionais e autonómicos 'brincarán' en Pontevedra
Por Almu Dapena & Mónica Patxot
Durante a mañá do xoves celebrouse a presentación da III edición do Saltar na Rúa, organizado pola Sociedade Ximnástica de Pontevedra e que se celebrará os días 23 e 24 de agosto. Na presentación estiveron Tino Fernández, concelleiro de Deportes, e Santi Ferrer, atleta da Ximnástica.
Despois do éxito dos anos anteriores e da boa acollida por parte dos pontevedreses, o edil do PSOE quixo destacar que para este ano "esperamos que sexan miles as persoas que desfruten deste evento".
Santi Ferrer, pola súa banda, explicou que a idea da actividade é "promocionar o atletismo" polo que convidan a todas as persoas que queiran participar a acercarse ata o Paseo de Antonio Odriozola.
Un ano máis volven apostar pola promoción das categorías inferiores a través da exhibición que se celebrará o sábado a partir das 12:00 horas.
Así mesmo, pola tarde dese mesmo día haberá tres roldas de prácticas de atletismo para nenos e nenas de 8 a 16 anos onde poderán probar os diferentes tipos de salto. En cada unha delas haberá 25 participantes por cada rolda. A primeira será de 18:30 horas a 19:30, a segunda de 19:30 a 20:30 e a última de 20:30 a 21:30 horas.
As inscricións poderanse realizar a través da páxina web da Ximnástica ou no propio sitio onde vai realizarse a proba.
O gran fin de festa será o sábado ás 19:30 horas cunha exhibición a cargo dos mellores deportistas autonómicos e nacionais de salto de lonxitude, triplo salto e salto con pértega.
Ademais do propio Santi Ferrer, dez veces campión galego absoluto de pértega e catro veces internacional con España, os que se acheguen á Praza da Ferrería poderán gozar das exhibicionies da tamén pertiguista Beatriz Viteri, oito veces campioa galega absoluta e medallista nacional en categorías menores; os saltadores Pablo Modia e Alicia Merino; os campións galegos absolutos de lonxitude e heptatlón respectivamente; o campión de España absoluto de triplo salto en 2016 e varias veces internacional Alfondo Palomares e a campioa de España sub 16 de triplo salto Alba Cuns.