Louzán e Lores piden "ter os pés na terra" co Pontevedra porque "con 1.400 socios dá o que dá"
Por Alejandro Espiño
Aínda que sen apenas nomealo, o presidente da Deputación, Rafael Louzán, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, coincidiron este xoves na súa análise sobre a reunión celebrada no Parador entre membros do consello de administración e os principais accionistas do Pontevedra CF. Fixérono cun chamamento á unidade e cunha velada crítica ao proxecto que encabeza o ex adestrador granate, Alberto Argibay.
"De Alberto Argibay non coñezo a súa xestión non ámbito deportivo, de Lupe Murillo si, e sei da súa capacidade", afirmaba Rafael Louzán ao ser preguntado sobre as súas preferencias entre as dúas persoas que deron un paso á fronte para facerse coas rendas do club. E engadiu unha mensaxe a navegantes. "O que veña ao Pontevedra pensando en tratar de gañarse un soldo e obter beneficios, ven a mal sitio".
E é que tras destacar que o respaldo institucional ao Pontevedra, especialmente por parte da Deputación , "está no máximo límite de colaboración posible", Louzán recordou que se non fóra polo apoio das institucións o club tería desaparecido. Neste sentido, afirmou que en Pontevedra "hai moito sentimento granate, pero hai que ter os pés na terra", xa que, dixo, "a situación non dá para máis".
O presidente da Deputación sinalou que os "1.400 socios de pago" cos que conta o club nestes momentos e o "escaso" tecido industrial da cidade non permiten que podamos ser moi" esixentes" coas aspiracións do equipo. "Puxemos toda a carne no asador para que ao Pontevedra non lle pasase como ao Salamanca e lográmolo", destacou Louzán, quen pediu ser "realistas", xa que "o Pontevedra está onde o tecido social permite que estea".
De face ao futuro, Rafael Louzán expresou o seu desexo de que a persoa que se faga coa presidencia do Consello de Administración conte co "respaldo máximo" dos accionistas e estea "apoiado por todos". Así manifestou que "todas as ideas son benvidas", pero concluíu asegurando que "ser o Borussia (exemplo posto por Alberto Argibay na presentación do seu proxecto) sobre o papel é fantástico, pero con 1.400 socios dá o que dá".
LORES: "ESTIVEMOS A PUNTO DE DESAPARECER E PARECE QUE NOS ESQUECEMOS"
Este mesmo símil foi utilizado tamén, noutra comparecencia pública, polo alcalde de Pontevedra. Miguel Fernández Lores, sen nomear a Alberto Argibay, afirmou que "nós non somos o Borussia", tras o cal recordou o perigo de desaparición que, hai uns meses, sobrevoaba sobre o club. "Entre todos garantimos que teña continuidade, pero estivo a punto de desaparecer e parece que nos esquecemos", sinalou.
Por iso insistiu en que "o máis importante" é garantir a viabilidade do equipo. "Hai que ter os pés na terra e saber co que se conta". Lores recordou que o diñeiro que manexa o Pontevedra "é moi limitado" e de aí hai que sufragar todo o custo da estrutura do club. En todo caso, non quixo decantarse máis porque indicou que "a miña presenza alí ten sentido só polo movemento que se deu non seu momento para salvar ao equipo da desaparición".