Os coches bloquean a entrada á nave do Ciudad de Pontevedra
Por Manu Otero
Os problemas seguen acumulándose para a Escola de Piragüismo Ciudad de Pontevedra. Á falta de espazo para almacenar as súas embarcacións súmase o malo costume dalgúns condutores de facer caso omiso das marcas viarias e do vao permanente ao estacionar os seus vehículos diante da entrada ao almacén. "Cando hai festas pasa sempre, a xente non sabe que se nos aparcan diante bloquéannos", lamenta o presidente do club, Óscar Ponche.
O último episodio ocorreu o domingo, cando os piragüistas chegaron á sede do club para cargar as furgonetas e ir adestrar atopáronse cun vehículo aparcado diante da nave do peiaro de Corbaceiras que lle impediu saír coas furgonetas e os remolques. "Non puidemos adestrar", afirma o dirixente do club farto dunha situación que se repite demasiado.
Cando ocorre, chaman á Policía Local para presentar a pertinente denuncia. Os axentes acoden ao lugar e o guindastre adoita retirar os coches, pero "como mínimo perdemos media hora", critica Ponte.
Desde o club xa se puxeron en contacto con Portos de Galicia para solicitar a instalación duns bolardos diante da entrada. "Mandamos unha carta, pero non recibimos resposta", explica o presidente.