O Cidade de Pontevedra imponse no descenso do Miño de Tui
Por Redacción
O piragüismo galego reuniuse, este sábado, con motivo dunha das probas máis significativas do calendario anual: o Descenso Internacional do Miño. Nesta ocasión, a proba alcanzou a súa cuadraxésima oitava edición e foi todo un éxito tanto de participación como de público asistente.
Os padeeiros percorreron, desde Salvaterra de Miño e ata Tui, un total de 14 quilómetros en embarcacións dobres e individuais. Máis de 500 deportistas, procedentes de toda a xeografía galega, portuguesa, asturiana e arxentina trasladáronse á localidade pontevedresa para tomar parte na cita.
A clasificación xeral por equipos do descenso deixou como vencedor ao Ciudad de Pontevedra cun total de 2.248 puntos, seguido polo Club Náutico Pontecesures, con 1.633, e polo Club Kaiak Tudense-Axuda Paramos, con 1.598.
En K2 Sénior, os irmáns arxentinos Franco e Antonio Balboa foron vencedores, tras impoñerse nunha apertada final a Jaime Sobrado e Iván Alonso, do Piragüismo Olívico. A terceira praza foi para a embarcación tudense de Aarón Diéguez e Raimon Gastaldo.
Pola súa banda, en K1 Sénior, Manuel Garaycoechea conseguiu o primeiro posto ao impoñerse con autoridade a Antonio Palmás, do Piragüismo Vilaboa e ao portugués Ricardo Carvalho, que finalizou terceiro.
En C1 tamén Sénior, o primeiro clasificado foi Manuel Garrido, do Kaiak Tudense. O segundo foi Francisco Rocha, do Ría de Betanzos e o terceiro Pedro Reguera, do Ría de Aldán. Ademais, o tándem formado por José Luis Bouza e José Sánchez do Kaiak Tudense foi o vencedor en C2. O podio completárono Álvaro López xunto a Jaime Duro, do EP Ciudad de Pontevedra, e Fernando Busto con Diego Miguéns do As Torres.
No grupo feminino, Amaia Ousaba, do Piragüismo Pamplona foi a vencedora en K1, seguida por Marta Noval, do Ponche Prado e Aurkene Aroca, do Piragüismo Pamplona.
En K2, as piraguas do Kaiak Tudense, formadas por Miriam Vega xunto a Carmen Villar, Ana Varela formando parella con Carla Pérez serían ouro e prata, respectivamente. O podio completárono as irmás Araceli e Carmela Menduíña, do Club de Mar Ría de Aldán. Finalmente, en C2, Jennifer Casal, do EP Ciudad de Pontevedra conseguiu a vitoria por diante de Raquel Rodríguez, do Portonovo, e Ana Ridrigues.
Relacionadas:
-
Os coches bloquean a entrada á nave do Ciudad de Pontevedra
Por Manu Otero |
-
Os piragüistas pontevedreses quedan a un paso das medallas no mundial de Pitesti
Por Redacción |
-
O sol e as altas temperaturas animan a 200 persoas a sucar o Verdugo en piragua
Por |
-
Ampla representación pontevedresa no Mundial Sub-23 e Júnior de piragüismo en Romanía
Por Redacción |