Marcos Miragaya acudirá ao Mundial cadete de loita como seleccionador nacional
Por Redacción
O Campionato do Mundo Cadete de loitas olímpicas que se vai a disputar na capital búlgara, Sofía, terá acento pontevedrés.
Marcos Miragaya, adestrador do Club de Loita Pontevedra e responsable do grupo de rendemento do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, acudirá á cita como seleccionador nacional.
O Mundial Cadete disputarase entre o 29 de xullo e o 4 de agosto, e no mesmo competirá o madrileño Gabriel Iglesias, na categoría de loita libre -71 quilos.
LYDIA PÉREZ, NO TORNEO INTERNACIONAL ZIOLKOWSKI
Tres deportistas galegos, entre eles a pontevedresa Lydia Pérez Touriño, foron convocados pola selección nacional para participar no Torneo Internacional Ziolkowski que terá lugar en Varsovia, Polonia, do 1 ao 5 de agosto.
Lydia competirá na categoría de -62 quilos nunha cita que servirá de preparación para o Mundial Absoluto, primeiro torneo clasificatorio para os Xogos de Tokyo.
En Varsovia estarán tamén Nerea Pampín (Keltoi de Vila de Cruces) en -65 quilos e Damián Iglesias (Club de Loita Touro) en -86 quilos. Ademais os tres permanecerán despois uns días máis en Polonia para participar nunha concentración de adestramento.