Dinamarca afoga a Alemaña en Pontevedra e Islandia colócase líder do grupo D
Por Manu Otero
Sufriu Dinamarca na primeira xornada do Mundial Júnior de Balonmán que se está disputando en Pontevedra e Vigo e Alemaña paseouse. Pero esa tensión acumulada valeulle aos nórdicos para maniatar, nunha espléndida segunda parte, ao seu rival.
O primeiro tempo foi para os xermanos, pero non puideron acumular a vantaxe que mereceron. A medida que se estrelaban contra o corpo do gardameta danés Christoffer Bonde, mellor xogador do partido, a súa confianza esborrallábase na mesma proporción que se disparaba a autoestima do seu adversario. A segunda parte foi un paseo triunfal para Dinamarca que confirma as súas aspiracións ao título mundial cunha merecida vitoria sobre unha das favoritas.
Saltou á cancha do Municipal moito máis enchufada a selección alemá que a danesa e esa diferenza de intensidade comezou a notarse moi pronto no marcador. Os xermanos, moi firmes en defensa e creativos en ataque, marcaron o rirtmo do partido nos primeiros compases da primeira metade.
A potencia de Sebastian Heymann e a capacidade finalizadora de Eloy Maldonado, de orixe española, puxeron contra as cordas aos seus rivais. Con todo, foron incapaces de abrir brecha no marcador pola inspiración do porteiro Christoffer Bonde, que mantivo aos seus no partido nos momentos máis críticos.
Cunha desvantaxe de dous goles, o partido puido terminarse para Dinamarca. Nunha acción polémica, os árbitros decidiron expulsar, no minuto 24, a Kasper Lindgren, un dos alicerces defensivos dos nórdicos, por derrubar de forma un tanto brusca a un atacante alemán cando se dispoñía a lanzar a portería. A decisión espoleó aos escandinavos que, nun dicir amén conseguiron igualar a contenda. A Alemaña entráronlle as dúbidas e os daneses tiveron opcións de irse aos vestiarios con vantaxe, pero fallaron na definición.
Con empate a 15 tantos comezou a segunda metade. Pero a efusividad coa que comezaran o primeiro tempo os alemáns converteuse en pasividade e falta de ideas. O canón de Emil Laerke, a mala defensa xermana e o recital de paradas de Bonde acabou por dinamitar a confianza dos centroeuropeos, que encaixaron un parcial de 5 a 1 en menos de dez minutos.
A balanza estaba decantada a favor de Dinamarca, pero todo puido cambiar coa dobre exclusión sufrida polos do Mar do Norte. Alemaña anotou dous goles consecutivos, pero o árbitro tamén os deixou con seis homes e os daneses reaccionaron para recuperar un colchón de cinco puntos que xa nunca perderían e que mesmo chegaron a incrementar.
O 30-25 co que se pechou o marcador fai xustiza ao visto sobre a cancha pontevedresa e deixa a Dinamarca cun pé e medio na seguinte rolda e coa confianza en se mesmos disparada.
Nos outros dous partidos do grupo D do mundial Júnior de Balonmán, que ten como sede a cidade do Lérez, Islandia venceu con comodidade a Arxentina (26-22) e, ao ter unha mellor media de goles anotados e encaixados, colócase como líder do grupo. No último partido da xornada, Noruega gañou a Chile (25-36).
No pavillón de As Travesas de Vigo disputouse a segunda xornada do Grupo B na que Exipto, que xa se exhibiu fronte a Australia, volveu facer gala da súa poderío anotador para derrotar a Nixeria (30-47) e confirma o seu liderado. Tamén Suecia acumula dúas plácidas vitorias. Tras derrotar a Corea do Sur, fixeron os propio con Australia (8-24). Con dúas vitorias sitúase tamén Francia tras vencer ao combinado asiático (32-46).
Relacionadas:
-
Portugal elimina a Alemaña na prórroga e Dinamarca sofre diante de Hungría
Por Manu Otero |
-
Dinamarca afianza o seu dominio cunha plácida vitoria sobre Arxentina no Municipal de Pontevedra
Por Manu Otero |
-
Croacia arrebata o liderado do grupo C a Brasil en Pontevedra na segunda xornada do mundial de balonmán
Por Manu Otero |
-
Brasil sorprende na primeira xornada do Mundial ao derrotar a Portugal, unha das favoritas
Por Manu Otero |
-
España devora a Estados Unidos no Municipal de Pontevedra (34-13)
Por Manu Otero |