Lourdes Domínguez di adeus en primeira rolda de Wimbledon tras perder ante Carla Suárez (6-2 e 6-2)
Por Diego Espiño
Non está a ser o ano de Lourdes Domínguez nos torneos do Grand Slam. A pontevedresa, despois de caer en primeira rolda en Australia e Roland Garros despediuse tamén ás primeiras de cambio do cadro individual de Wimbledon.
Lourdes non puido coa canaria Carla Suárez, cabeza de serie número 19 do torneo, cedendo por un claro 6-2 e 6-2 nunha hora e vinte minutos de xogo.
A tenista lerezana pagou caro a súa falta de acerto nas pelotas de rotura, logrando gañar soamente dous de dez mentres o seu rival, cos mesmos intentos, rompeu o servizo de Domínguez Lino en seis ocasións.
Fora xa do cadro principal Lourdes Domínguez non rematou coa súa participación na herba londiniense. Aínda ten que xogar o dobres coa súa compañeira Garbine Muguruza.
A parella española terá non obstante un óso duro de roer en primeira rolda, onde o sorteo as cruzou coas terceiras favoritas, o dúo formado pola rusa Nadia Petrova e a eslovena Katarina Srebotnik.