O pontevedrés Pedro Ameneiro é campión do mundo de 420 co seu compañeiro Martín Wizner
Por Redacción
O pontevedrés Pedro Ameneiro e o vigués Martín Wizner son campións do mundo de vela na clase 420. A parella do Real Club Náutico de Vigo alzouse co título este xoves tras cinco días de regatas na localidade portuguesa de Vilamoura. O dúo xa conquistara o nacional e o europeo sub 19, pero con este logro confirman "o maior éxito da vela xuvenil en Galicia", sinalan desde a Real Federación Galega de Vela.
O mundial comezou o pasado sábado e xa desde as primeiras xornadas os dous regatistas colocáronse entre os favoritos para facerse co título. Con todo, a descualificación que sufriron no terceiro día de competición deixábaos sen marxe de erro. Ata ese momento asinaran un terceiro, segundo, cuarto, quinto e décimo quinto posto. A penalización deixáballes sen opcións de descartar o seu peor resultado. Nas seguintes xornadas asinaron un novo terceiro e cuarto posto, pero a falta de vento obrigou a suspender a penúltima xornada, co que terían que xogarse o ouro o último día.
“Saïamos terceiros e fomos facelo o mellor posible e a verdade que saíu ben”, explicaba á televisión portuguesa Ameneiro tras concluír a regata definitiva. Un primeiro e un noveno posto foron suficientes para superar ás outras dúas embarcacións que tiñan diante na clasificación xeral para proclamarse campións do mundo.
Os regatistas do RCN Sanxenxo, Jacobo García e Toni Ripoll, que gañaron a décima e última proba, terminaron a súa participación na sexta praza dunha clasificación xeral con 89 barcos no Grupo Oro, o que se xogaba o título, de dezanove países e catro continentes.
O refacho vitorioso dos novos campións do mundo comezou en xullo de 2017, cando conquistaron a prata sub-17 no Europeo absoluto de Atenas. En agosto dese ano, en Lago dei Garda (Italia) conseguiron o bronce sub-17 no Europeo júnior e en xaneiro do 2018 conquistaron o ouro sub-17 nos mundiais de Fremantle (Australia). Tamén se subiron ao primeiro caixón do podio no europeo júnior de Sesimbra (Portugal) e lograron o bronce no mundial absoluto de Newport (EE UU). O próximo reto terano leste mesma fin de semana no mundial xuvenil de Gdynia (Polonia).
Relacionadas:
-
O Europeo Júnior de vela nas clases 420 e 470 enche de cor Vilagarcía
Por Redacción |
-
O pontevedrés Pedro Ameneiro e o vigués Martín Wizner, clasificados para ao Mundial Xuvenil
Por Redacción |
-
O Nacional de 420 ten novos líderes tras a terceira xornada, Wizner e Ameneiro, do RCN Vigo
Por Redacción |
-
Pedro Ameneiro ou como soñar desde Poio cos Xogos Olímpicos
Por Redacción |