O Marín CF estrea nova etapa con Gaspar Pérez á fronte
Por Redacción
Ábrese unha nova etapa no Marín Club de Fútbol, despois de catro anos de presidencia de Rosalía González.
Gaspar Pérez será o novo dirixente da entidade marinense, xa que foi o único socio que presentou a súa candidatura no tempo e forma marcados no proceso electoral aberto o pasado 4 de xuño.
Pérez é actual presidente da Federación Galega de Xadrez e expresidente do Monforte de Lemos, localidade da que é natural.
Entre as claves do seu proxecto para o club, segundo explicaron desde a súa candidatura, atópanse fomentar o diálogo con outros equipos de base do municipio e tentar crear un equipo feminino.
Despois duns anos que cataloga de "vacas fracas", o desexo da nova dirección é "volver ilusionar á afección de Marín".