A carreira popular +10 Marín Manuel Rosales inicia a conta atrás da súa oitava edición
Por Redacción
A conta atrás para a oitava edición da carreira popular +10 Marín Manuel Rosales está en marcha.
A cita deportiva celebrarase o vindeiro sábado 27 de xullo, ás 22:00 horas, sobre un percorrido de 10.000 metros homologado pola Real Federación Española de Atletismo.
Desde unha hora e media antes comezará a actividade coas carreiras de menores, que darán paso á proba absoluta e a unha programación de actividades complementarias.
O circuíto será similar ao doutras ocasións, con saída desde a Avenida de Ourense en dirección Estribela para posterior regreso, pasando polas instalacións da Escola Naval Militar antes de encarar o tramo final do percorrido con meta na Alameda.
As inscricións permanecerán abertas ata o día 25 de xullo no portal web www.cronotec.es, a un prezo de 6 euros ata o día 23 e de 7 euros durante as últimas horas habilitadas.
Pola súa banda participar nas carreiras de categorías inferiores será de balde, sendo necesario inscribirse mediante a web ou presencialmente os días 26 e 27 de xullo no Concello de Marín, segundo sinalou a organización.