Sporting Clube leva o XXI Torneo Internacional de Fútbol-7 Benxamín remontando ante o Deportivo
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
O Sporting Clube de Portugal recuperou o dominio luso sucedendo ao Sevilla FC no palmarés do Torneo Internacional de Fútbol-7 Benxamín Cidade de Pontevedra, tras derrotar (2-1) ao Deportivo da Coruña, que se adiantou no marcador dunha disputadísima final.
Un ano máis, festa deportiva na Xunqueira, nunha xornada final chea de emocións e apuntamentos do fútbol que levan nas súas botas estes aprendices de futbolistas que malgastaron calidade e ilusión a partes iguais.
Cos equipos decidindo os postos da clasificación, tras os resultados da xornada inicial do sábado, as semifinais quedaban para Deportivo, Celta, Sporting de Gijón e Sporting Clube de Portugal, que buscaban unha praza na gran final.
Na primeira semifinal, o Sporting de Portugal derrotaba ao Sporting de Gijón, por un mínimo 1-0, e sufrindo bastante para conter aos asturianos.
Logo foi a quenda para o "mini-derbi" galego entre Celta e Deportivo, que ofreceron un partido tan igualado que houbo de decidirse nos lanzamentos de penaltis, polo sistema da morte súbita, tras empatar no tempo regulamentario a un gol. Se na pasada edición os herculinos quedáronse fóra da final nesa "lotería", esta vez a fortuna sorriulles, ao fallar os vigueses o seu único lanzamento e transformar o cadro branquiazul o seu.
Así pois, Celta e Sporting de Gijón loitaron polo terceiro e cuarto posto, nun partido que terminaba con empate a un tanto, no que se adiantou ao Celta, empatando o Sporting pouco despois, para irse a unha larguísima quenda de lanzamentos, na que se necesitaron nada menos que 18 penaltis (9-8) para decidir que o terceiro posto sería para o conxunto vigués, que deste xeito repetía posición con respecto á edición anterior.
A gran final deixounos emoción e igualdade a partes iguais. Co partido disputado en dous tempos de 15 minutos, comezarían mellor os portugueses, que dispuxeron de dúas excelentes ocasións, remate ao poste incluído, para inaugurar o marcador.
Mediado o primeiro tempo, o dominio pasou á beira coruñésa, sendo entón o Deportivo quen gozase doutras dúas oportunidades, tamén cun tiro á madeira, pero ao descanso o marcador non se moveu.
Daba a sensación de que o Deportivo tiña controlado o partido, e máis cando aos 20 minutos Mario poñía o 0-1 no marcador, pero os portugueses fóronse arriba con decisión e en pouco máis dun par de minutos lograban remotar. Primeiro empatou Sevastian Belov, cun disparo próximo, cruzado, ante o que nada puido facer o meta herculino (minuto 23) e logo Alexandre Rosado sorprendía cun remate afastado, duro e axustado ao pau (minuto 25), que daría o título ao Sporting Clube de Portugal.
Quedaban cinco minutos, pero o Deportivo xa non foi capaz de crear perigo.
SPORTING CLUBE DE PORTUGAL (2): Joao Pereira, Alexandre Rosado, Afonso Monteiro, Mateus Martins, Rafael Lopes, Santiago Felicio, Dinis Barreiros, Leonardo Varela, Sevastian Belov, Isaac Dzeric, Gabriel Diogo e Iván Trokhymchuk.
R.C. DEPORTIVO (1): Gabi, Diego (p.s.), Trigo, Nico, Gael, Íker, Jorge Nicolás, Iago Vázquez, Joán, Javi e Mario.
Árbitros: Alberto Gómez Lameiro (Pontevedra), auxiliado nas bandas por Darío César Domenech Escandell e Sergio Doval Gil.
Goles: (0-1) Minuto 20: Mario. (1-1) Minuto 23: Sevastian Belov. (2-1) Minuto 25: Alexandre Rosado.
Incidencias: Campo da Xunqueira (Pontevedra).
ENTREGA DE PREMIOS
O Athletic Club de Bilbao adxudícase o Trofeo á Deportividade
Como afai, a entrega de trofeos foi unha festa que puxo broche de ouro á sempre magnífica labor organizativa da EF Portero 2000, con asistencia de autoridades e personalidades do mundo do fútbol e de patrocinadores e colaboradores do torneo. Especial mención á concesión do Trofeo á Deportividade que foi para o Athletic Club de Bilbao, equipo que se fixo acredor ao mesmo en decisión dos organizadores, que sempre dan unha relevancia especial a un galardón considerado como o máis importante polos valores que representa, en torneos de fútbol base.
PUESTO | EQUIPO |
CAMPEÓN | SPORTING CLUB PORTUGAL |
SUBCAMPEÓN | RC DEPORTIVO A CORUÑA |
3º CLASIFICADO | RC CELTA DE VIGO |
DEPORTIVIDAD | ATHLETIC CLUB BILBAO |
4º CLASIFICADO | REAL SPORTING DE GIJÓN |
5º CLASIFICADO | S.L. BENFICA |
6º CLASIFICADO | PABELLÓN C.F. |
7º CLASIFICADO | SD CRISTO VICTORIA |
8º CLASIFICADO | ATHLETIC CLUB BILBAO |
9º CLASIFICADO | REAL SOCIEDAD |
10º CLASIFICADO | ATLÉTICO DE MADRID |
11º CLASIFICADO | AROSA S.C. |
12º CLASIFICADO | A.C.D. A SECA |
13º CLASIFICADO | VICTORIA C.F. |
14º CLASIFICADO | BERTAMIRANS, F.C. |
15º CLASIFICADO | PONTEVEDRA C.F. |
16º CLASIFICADO | EF PORTERO 2000 |
O cadro completo de partidos e resultados pódese consultar aquí.
Relacionadas:
-
New York City, Servette de Suíza e Copenhague, novidades do Torneo Alevín AF7
Por Redacción |
-
Ambiente inmellorable na primeira xornada do Torneo Internacional de Fútbol 7
Por Redacción & Diego Torrado | Creada e actualizada
-
O Atlético de Madrid, principal novidade no cartel do XXI Torneo Internacional de Fútbol 7 Benxamín
Por Diego Espiño |