Formación de máximo nivel para os monitores do Judo Club Pontevedra
Por Redacción
Os profesores do Judo Club Pontevedra, Eloy Olveira, Alfonso Del Río e Fran Miguens, participaron na vixésima edición do reputado Congreso de Mestres de Judo, celebrada en Sanxenxo baixo a organización da Federación Galega de Judo e D.A.
Na cita estivo ademais presente o fotógrafo do club, Ramón Hermida, acreditado da Federación Galega.
Trátase dun evento de referencia no judo nacional, no que os tres profesores responsables da escola municipal de judo de Pontevedra e no ximnasio arousán Squash Villagarcía, aumentaron a súa formación coas clases maxistrais de Jordi Yuste Gutsems, cinto branco-vermello 7º Dan de Judo e Director Deportivo da Federación Catalá.
Ademais tamén contaron con importantes relatorios teórico-prácticas dos profesores do Departamento de Defensa Persoal da Federación Galega, Manuel Montero e Bernardo Romay, e do Director da Escola Federativa, Eduardo Galán, centradas no proxecto de sensibilización e formación contra a Violencia de Xénero e promoción do deporte feminino.
Dentro do programa xeral, os profesores, adestradores e mestres participantes puideron gozar tamén coa presenza dos deportistas de elite Nikoloz Sherazadishvili, actual Campión do Mundo de Judo; Laura Martínez, bronce no Campionato do Mundo Sub-21; María Bernabeu, Campioa de España na categoría absoluta; Laura Vázquez, Campioa de España cadete; Felipe Iglesias, Campión de España Absoluto de Jiu-Jitsu e Quino Ruíz, cinto branco-vermello 8º Dan de Judo e adestrador do equipo nacional.