Primeiras datas de pretempada: o Pontevedra xogará ante Ourense e Boiro no Triangular Praiña SP
Por Diego Espiño
Despois de que Nando anunciase na súa presentación a intención de arrancar a pretempada o 22 de xullo, empezan a coñecerse os primeiros compromisos amigables da nova etapa do Pontevedra.
Con apenas unha semana de preparación o equipo granate repetirá por terceiro ano no Triangular Praiña Sporting Club, que organiza o club de Teo e que este ano reunirá, ademais de ao conxunto lerezano, a Club Deportivo Ourense e ao Club Deportivo Boiro, recén ascendido a Terceira División.
A cita fixouse para o domingo 28 de xullo, repetindo formato de anteriores edicións, con partidos de 45 minutos entre os tres equipos que finalizarán cunha quenda de penaltis para aclarar a orde final ante posibles empates.
Os dous anos que o Pontevedra xogou no Triangular Praiña enfrontouse a Estradense e Lugo primeiro (2011) e Compostela e Deportivo B despois (2012), proclamándose campión nas dúas edicións.